O CGAC de Santiago acollerá o martes un acto que presentará o traballo da muller na investigación

Actualizado: domingo, 5 marzo 2006 13:54

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Mar. (EUROPA PRESS) -

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compsotela, acollerá o martes un acto do Día da Muller Investigadora, baixo o nome 'Mulleres á cabeza', no que se presentará o traballo e a situación das mulleres no eido da investigación e ciencia en Europa.

Segundo informou a Xunta, está previsto visionado do filme-documental francés 'Mulleres Científicas', traducido ao galego e que se estreará en España por primeira vez. Este documental será presentado polo seu realizador, Hervé Nisic. Nel farase un percorrido pola situación das científicas en Europa,e contará con testemuñas de biólogas, matemáticas, físicas e astrofíscias que traballan a alto nivel.

O director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i), Salustiano Mato de la Iglesia, e a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán Villamarín, serán os encargados da inauguración do acto ás 19.00 horas.

Finalmente, celebrarase unha mesa redonda que abordará a situación da muller na ciencia en Galicia. O debate estará moderado por Margarita Ledo Andión, catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e nel intervirán mulleres vencelladas ao mundo da investigación e da ciencia.

Asemade, terá lugar un obradoiro durante o tempo que dure o acto enfocado aos nenos e no que se abordarán os mesmos temas que no acto principal, segundo informou a Consellería de Innovación e Industria.