SANTIAGO DE COMPOSTELA 23 Jun. (EUROPA PRESS) -
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) organiza a vindeira semana un ciclo adicado ao cineasta chinés Jia Zhang-ke en colaboración co Festival das Palmas de Gran Canaria e IVAC-La Filmoteca de Valencia.
O ciclo comeza o luns día 26 de xuño -ás 20.30 horas- coa proxección de "Pickpocket/ Xiao Wu" (1997), primeira longametraxe e primeira ocasión na que o director obtén xa difusión internacional. Por esta película, as autoridades chinesas retiraronlle as "credenciais de cineasta", que non recuperou ate 2004.
O martes 27, coincidindo co pase do filme "Unknown Pleasures" (2002), intervirá Eulalia Iglesias, profesora na universidade Rovira i Virgili (Tarragona), escritora e crítica cinematográfica en publicacións como "Rockdelux" e o suplemento "Culturas de "La Vanguardia". Nesta sesión estarán tamén presentes os programadores do Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria Luis Miranda e Lorena Morín.
As películas "Platform" -xoves 29- e "In public" e "The world", o venres 30, completan o ciclo. Jia Zhang-ke é un dos cineastas que, xunto a Hou Hsiao-hsien, Wong Kar-wai, Tsai Ming-liang ou Apichatpong Weerasethakul, mellor reflexan a vertente do cine asiático que representa un recambio á tradición do "cine de autor" europeo