O cineasta David Trueba abre hoxe en Vigo un obradoiro sobre a creación de guións para cine e televisión

Actualizado: miércoles, 1 marzo 2006 10:56

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Mar. (EUROPA PRESS) -

O cineasta David Trueba, realizador de 'La niña de tus ojos', ofrecerá hoxe no Centro Social Caixanova en Vigo unha clase maxistral sobre a creación de guións para cine e televisión, no marco do Obradoiro de Guión organizado por Caixanova, que terá lugar dende mañá ata o 3 de maio na cidade olívica.

Segundo informou a organización, o curso ten por obxecto ser unha introducción xeral, teórica e práctica, ao oficio de guionista. Así, pretende dar a coñecer en que consiste contar historias para soportes audiovisuais, así como salientar cales son os aspectos técnicos da escritura de guións.

Ademais, o espíritu do obradoiro busca o fomento da "participación activa" e da creatividade dos alumnos, ó tempo que quere dar a coñece-los instrumentos para logra-los propósitos de interesar, emocionar ou entreter.

Así mesmo, Caixanova lembrou que as sesións terán lugar tódolos luns e mércores, entre hoxe e o 3 de maio, de 17.00 a 20.00 horas na sede do seu centro social. A entidade tamén apuntou que o obradoiro está dirixido por Xosé Cermeño, e contará, entre outros, coa participación de Pancho Casal, Jorge Coira ou Ángel de la Cruz.