SANTIAGO DE COMPOSTELA 6 Ene. (EUROPA PRESS) -
Os cantares de reis forman parte do patrimonio folclórico galego relativo ao Nadal e a Consellería de Cultura quere apoiar a súa permanencia e recuperación, polo que varios membros deste departamento autonómico participarán estes días en actos nos que se reproducirán estes cantares.
Así, a Consellería de Cultura e Deporte e o Concello de Boimorto organizan o 'I Concurso de recollida de panxoliñas e cantares de reis' e o 'II Certame de xugadas de reiceiros', que terá lugar mañá sábado no devandito municipio coruñés.
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, ten previsto asistir o sábado á entrega de premios deste certame que terá lugar ás 17.00 horas no Campo de Rosario. Tanto o certame como o concurso, que se celebrarán en Boimorto, pretenden recuperar e estender a práctica das panxoliñas e dos cantares de Reis, dúas formas tradicionais do Nadal.
Pola súa banda, a delegada da Consellería de Cultura na provincia de Pontevedra, Marta Souto, presenciará as manifestacións dos "Ranchos de Reis" en diversas localidades pontevedresas. Así, mañá sábado, ás 12.15 horas, acudirá a ver os Ranchos de Guláns (Ponteareas).
Os "Ranchos de Reis" consisten en danzas con paus, castañolas ou arquillos, que debido á emigración galega en Sudamérica teñen unha grande influencia hispanoamericana e de danzas de orixe africana presentes en Cuba e Brasil.