SANTIAGO DE COMPOSTELA 10 Ene. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria destina 466.160 euros á convocatoria de axudas para o desenvolvemento de actividades que teñen por obxectivo alfabetizar e elevar o nivel de formación básica e cualificación profesional das persoas adultas. Este tipo de accións formativas levaranse a cabo entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro deste ano e deberán durar, polo menos, seis meses e 240 horas.
A convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), está dirixida a corporacións locais e institucións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas. Estas entidades disporán dun prazo de 40 días naturais contados a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes no rexistro xeral de Educación.
Para a concesión destas axudas será requisito indispensable contar cun mínimo de 15 alumnos por actividade no momento do inicio e realización destas accións. Sen embargo, cando existan razóns que o xustifiquen, como pode ser a pouca poboación, ou que non exista nesas localidades oferta educativa dirixida a persoas adultas, Educación poderá fixar outros mínimos de participación. Neste sentido, as solicitudes das axudas deberán incluír unha listaxe de alumnos por actividade.
Terán prioridade na concesión destas axudas aquelas actividades que se realicen en concellos ou comarcas nas que non exista oferta educativa para persoas adultas e aqueloutras que sexan continuidade de actividades que xa se viñan celebrando en cursos pasados.
GASTOS DE PERSOAL
Ademais, terán prioridade as accións dirixidas a adultos que non dominan as técnicas instrumentais elementais e as preparatorias para a obtención do título de graduado en educación secundaria mediante a presentación ás probas extraordinarias que convoca a Administración educativa.
As axudas concedidas destinaranse a sufragar os gastos de persoal que, como mínimo, alcanzarán o 75 por cento do total da contía concedida e os gastos de funcionamento xerados polo proxecto que non superarán o 25 por cento do importe da subvención.
Para aquelas axudas que non superen os 6.000 euros poderase acordar, no momento da súa concesión, un anticipo de pagamento do 80% e aquelas que superen os 6.000 euros poderán percibir ata un 10 por cento da contía.
Esta liña de axudas pretende fomentar a educación permanente que ten como obxectivo ofrecer a todos os cidadáns a posibilidade de formarse ao longo da vida, coa finalidade de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades e coñecemento para o seu desenvolvemento persoal e profesional.