O Consello Consultivo de INEO celebrará mañá a súa primeira xuntanza na Casa de Europa, en Santiago

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 21 junio 2006 19:14

SANTIAGO DE COMPOSTELA 21 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Consello Consultivo de INEO, órgano asesor que colabora con esta asociación e aconséllao no deseño das súas estratexias de desenvolvemento da sociedade da información; áreas de negocio TIC ou estratexias de I+D+I, celebrarase mañá xoves ás 17.00 horas na Casa de Europa da Universidade de Santiago (USC).

INEO é unha asociación multisectorial das novas tecnoloxías da información e da comunicación que agrupa a 65 empresas galegas do sector TIC. Este órgano está formado polas institucións sociais de referencia no desenvolvemento das novas tecnoloxías de Galicia. Na actualidade forman o consello a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, Banco Sabadell, Caixa Galicia, Caixanova, a Universidade de Santiago e Zona Franca de Vigo.

Excepcionalmente ao tratarse do primeiro encontro, os membros da comisión de Cooperación de INEO -órgano de INEO encargado das relacións externas da asociación- reuniranse conxuntamente co Consello Consultivo para definirconxuntamente retos e funcións deste novo organismo que facilita unha relación fluída entre empresas e institucións privadas e públicas.

Cincuenta e seis empresas tecnolóxicas galegas, cunha facturación superior aos 80 millóns de euros anuais e que empregan a 1.500 persoas, constituíron en febreiro a maior asociación empresarial do sector das tecnoloxías da información e a comunicación de Galicia.

Os seus obxectivos principais serán crear un tecido asociativo forte, promover a realización de proxectos conxuntos que permitan dar un salto competitivo ás empresas, crear un sector TIC galego "innovador e competitivo" no ámbito autonómico, español e internacional e fomentar o emprego das novas tecnoloxías entre a sociedade e o empresariado.

A asociación agrupa a empresas galegas dedicadas a software a medida, software estándar, equipos informáticos, consultoría TIC, formación TIC, comunicacións e redes, servizos informáticos, proceso de datos e asesoramento xurídico de TIC.

Ademais destas empresas integrantes, INEO conta coa colaboración da USC, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, Caixanova, Caixa Galicia e Banco Sabadell, todos eles axentes interesados en promover e apoiar as actividades e estratexias de INEO para o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia e o hipersector TIC.

Contenido patrocinado