O Consello da Cultura Galega elixe elixe mañá o seu novo presidente, que relevará a Zulueta de Haz tras catro anos

Actualizado: miércoles, 19 abril 2006 19:49

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Consello da Cultura Galega (CCG) convocou para mañá un pleno extraordinario para proceder á elección do seu novo presidente, que sustituirá no cargo a Alfonso Zulueta de Haz, que levaba no cargo dende o 17 de abril de 2002, cando relevou o finado Carlos Casares.

O pleno celebrarase en primeira convocatoria ás 19.00 horas, ou ás 19.30 en segunda convocatoria, se é necesaria, xa que a orde do día establece unha intervención inicial do propio Zulueta de Haz para, a continuación, proceder á elección do novo responsable da institución.

A elección farase en votación secreta do plenario, composto pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; e 15 membros designados en representación das principais institucións culturais e que serán Joaquín Arias y Díaz de Rábago da Fundación Barrié de la Maza; os tres rectores das universidades galegas; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández; Manuel Cecilio Díaz y Díaz, do Instituto de Estudios Xacobeos; e Francisco Díaz-Fierros Viqueira, do Seminario de Estudios Galegos.

Tamén estarán Francisco Fariña Busto, do Consello Galego de Museos; Francisco Fernández Rei, do Instituto da Lingua Galega; Blanca Jiménez Alonso, da Fundación Penzol; Santiago Nogueira, da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación; Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento; Helena Villar Janeiro, da Fundación Rosalía de Castro; Ernesto Viéitez Cortizo, da Real Academia Galega de Ciencias; e Ramón Yzquierdo Perrín, da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.

Asimesmo, formarán parte dez persoeiros elixidos polo Pleno polo seu destacado traballo nos diversos campos da cultura, o propio Alfonso Zulueta de Haz; os vicepresidentes do CCG, Ramón Castromil Ventureira e Xosé López; o secretario do Consello, Henrique Monteagudo Romero; Víctor F. Freixanes, Ramón Máiz, Francisco Río Barja, Iago Seara Morales, Andrés Torres Queiruga e Ramón Villares.

DESENVOLVEMENTO DA XORNADA

O novo presidente será nomeado posteriormente por decreto da Xunta de Galicia, a proposta da conselleira de Cultura e, trala xuntanza de mañá, os membros do plenario acudirán ao concerto 'Galicia e as Cantigas de Santa María de Afonso X', interpretado por Antoni Rossell & G. Courtly Music Consort, que terá lugar ás 20.15 no Refertorio do Pazo de Xelmírez.

Posteriormente, ás 21.15 horas, o Hostal dos Reis Católicos celebrará unha cea en homenaxe ao presidente do Consello da Cultura Galega saínte, Alfonso Zulueta de Haz, na que está previsto que, ademais dos membros do Plenario, asista o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presidente de Honra do CCG.