O Consello da Cultura homenaxea mañá ao músico ferrolán José Arriola cunha conferencia e un concerto en Santiago

Actualizado: martes, 31 enero 2006 12:48

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega (CCG) celebra mañá unha conferencia-concerto de lembranza do músico ferrolán José Arriola, coñecido coma Pepito Arriola, considerado polos expertos como unha das senlleiras figuras musicais da primeira metade do século XX.

Arriola chegou a ser pianista da corte do emperador Guillerme II e a ofrecer actuacións no Carnegie Hall e no Metropolitan, en Estados Unidos.

O acto, aberto ao público, comezará ás 19.30 horas cunha conferencia de Luís Mera Naveiras sobre a música e a intimidade da familia Arriola e, de seguido, celebrarase un concerto a cargo do pianista Julio Mourenza e do violonchelista Carlos García Amigo, que interpretarán as obras de Arriola 'Impresiones Argentinas', 'Hommage à Manuel de Falla' e 'Pequeña serenata para violonchelo y piano'.