A Deputación de A Coruña homenaxea a Maruxa Mallo cunha exposición que percorrerá dez concellos da provincia

Actualizado: miércoles, 5 abril 2006 20:07

A CORUÑA, 5 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Deputación de A Coruña presentará en dez concellos da provincia a mostra 'Maruxa Mallo. A transgresión feita muller', coa que pretende divulgar as obras desta artista, pioneira do feminismo e representante da xeración do 27. A exposición, que será inaugurada hoxe ás 20 horas no centro sociocultural 'O Graxal' de Cambre, está composta por 22 reproduccións de obras da artista.

A deputada responsable da área de Benestar Social e Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña, Margarida Vázquez, a comisaria da mostra María Cabrera e o concelleiro de Cultura de Cambre, Xabier Iglesias, presentaron hoxe, no organismo provincial, esta mostra.

Xunto as obras, figuran paneis explicativos nos que se detallan as diferentes fases creativas desta artista e a súa biografía. Completan a exposición varios orixinais de obra gráfica como as seis litografías realizadas nos anos sesenta para portadas da Revista de Occidente. As litografías son propiedade da institución provincial coruñesa.

MULLERES PIONEIRAS

Margarida Vázquez afirmou que con actividades como ésta a área de Igualdade da Deputación pretende "recuperar o coñecemento de mulleres pioneiras e senlleiras, como Maruxa Mallo", e especialmente das que destacaron en épocas con escasa participación social feminina.

Segundo a deputada provincial a exposición mostrarase en principio en dez concellos, aínda que polas súas características poderá levarse despois a outros concellos ou institucións interesadas nas obras, e permitirá ó visitante "realizar un percorrido pola vida e a obra da artista".

Contará demáis cun soporte audiovisual no que se achegará o contexto histórico da época, e con actividades paralelas como conferencias e obradoiros, que se desenvolverán nos diversos concellos onde se desenvolverá a itinerancia da mostra.

A deputación editou ademáis un catálogo no que se recopilan fotografías, escritos e debuxos da artista e unha unidade didáctica que servirá como guía para as visitas á exposición.

Pola súa banda, Xavier Iglesias mostrou a súa satisfacción porque Cambre sexa o primeiro concello da provincia que acollerá a mostra e reflexionou acerca dos esforzos realizados por moitas mulleres no pasado para conseguir que a sociedade asuma a igualdade entre homes e mulleres.

Iglesias destacou, ademáis, a traxectoria artística de Mallo e considerou a que a iniciativa provincial "permite achegar a a concellos de pequeño e mediano tamaño a posibilidade de contar con exposicións desta calidade".

A comisaria da mostra, María Cabrera, realizou un breve repaso pola biografía da artista, destacando "o componente social do seu traballo e a súa loita por un mundo mellor". Tras a súa estancia en Cambre a mostra percorrerá os concellos de Oleiros, Carballo, Culleredo, Porto do Son, Arzúa, Carnota, Boiro, Corcubión e As Pontes.