A Deputación de Pontevedra asesorará a creación dunha escola de canteiros en Quixeramobim (Brasil)

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 18 enero 2006 17:25

PONTEVEDRA 18, (EUROPA PRESS)

A Deputación de Pontevedra asinará un convenio de colaboración para dotar de profesores e asesorar a creación dunha Escola de Canteiros en Quixeramobim (Brasil).

Esta localidade, situada a 30 kilómetros da cidade de Fortaleza, conta cunha poboación de 70.000 habitantes nun entorno de "escaso desenvolvemento social e económico", pero dispón de recursos mineiros "importantes". Na actualidade, a zona limítase a exportar o material en bloque, "perdendo o valor engadido da transformación".

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, sinalou que se están a estudar iniciativas similares para desenvolver en Arxentina e Uruguai

A colaboración da Deputación consistirá no envío de profesores por un periodo de seis meses para poñer en funcionamento a Escola de Canteiros de Quixeramobim, así como tutelar o asesoramento do centro en temas de ensinanza e xestión, ata que se desenvolva por si mesmo. A Deputación comprométese tamén a aportar ferramenta básica manual -como punteiros, limas, cinceis, macetas e serras eléctricas con disco de diamante- para 15 alumnos. No centro impartiranse ensinanzas de cantería, modelado, escultura, debuxo artístico, historia da arte e construción.

A municipalidade da localidade brasileira, pola súa banda, aloxará aos profesores, correrá cos seus gastos e poñerá a disposición os terreos e locais precisos para impartir as clases. A iniciativa de crear unha Escola de Canteiros en Brasil xurdiu na viaxe que Rafael Louzán realizou a Bahía para entregar o premio "Blanco Amor" ao Hospital Español.

Louzán sinalou que os obxetivos desta iniciativa son converter a canteiría nunha actividade técnico-productiva que se poderá relacionar có sector graniteiro pontevedrés, activar a produción de canteiría en Quixeramobim, crear unha fonte de traballo para o sector, axudando na explotación de recursos naturais para a producción nacional e a exportación, así como proxectar o traballo da Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra e dar saéda laboral e profesional aos seus alumnos.

Contenido patrocinado