OURENSE, 6 (EUROPA PRESS)
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, animou hoxe a que dende os propios centros educativos se fomente a creación de empresas e o cooperativismo "como alternativas laborais atractivas" e que contribúen á xeración de emprego.
"Non debemos esquecer o achegamento entre o ámbito educativo e o laboral, que vai ter novos horizontes coa implantación do sistema de recoñecemento das competencias da poboación activa, adquiridas por vías non formais ou informais", subliñou a conselleira. Este procedemento favorecerá á competitividade das empresas no mercado, segundo sinalou a máxima responsable da Administración educativa.
A conselleira de Educación inaugurou hoxe as IV Xornadas no Ensino sobre o Mundo Empresarial, que se celebran no Instituto de Educación Secundaria (IES) Lauro Olmo do Barco de Valdeorras (Ourense). Durante a súa intervención, eloxiou a celebración de iniciativas deste tipo que contribúen a achegar o mundo empresarial ao educativo e facilitan unha imaxe "nítida" do ámbito laboral co que se atoparán os alumnos ao remataren os seus estudos.
Laura Sánchez Piñón participou neste acto no decurso dunha visita oficial que realizou a varios centros da comarca de Valdeorras, na que tamén aproveitou para manter un encontro co alcalde do Barco, Alfredo García Rodríguez.
Durante a inauguración, a conselleira de Educación lembrou as liñas de cooperación establecidas entre a Administración educativa e empresas, institucións e asociacións de empresarios, "que permiten a colaboración directa entre o centro educativo e a empresa e que inciden directamente na formación e no coñecemento do mundo empresarial do alumnado e do profesorado".
Trala inauguración das xornadas, Laura Sánchez Piñón, que estivo acompañada polo director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, e o delegado desta consellería en Ourense, Gonzalo Iglesias, percorreu a exposición de traballos realizados por alumnos dos distintos ciclos formativos que se imparten neste centro educativo.
XORNADAS
As xornadas inauguradas hoxe desenvolveranse ata o vindeiro venres 10 de febreiro cun programa que recolle a intervención de distintos técnicos especialistas en tecnoloxías no automóbil; enerxías renovables; creación de empresas e enfermería. Así, hoxe o responsable da Área de Automoción de Citroën Vigo, Íñigo Carracedo, disertou sobre as últimas tecnoloxías no sector automobilístico.
Mañá continuarán as xornadas coa ponencia de Ruth Pereira, que falará sobre as liñas de apoio para a creación de novas empresas. O mércores, o técnico de Iberdrola, Miguel Ángel López, abordará as enerxías renovables hidráulicas, mentres que o xoves, responsables do despacho multidisciplinar ABC farán unha exposición práctica da creación dunha empresa, e técnicos de Seripell realizarán unha demostración tamén práctica no taller de Perrucaría do centro. O venres pecharanse as xornadas co charla a cargo da doutora en Odontoloxía Marifé Valcarce sobre ergonometría e odolontoloxía.
AMPLIACIÓN DO INSTITUTO
Laura Sánchez Piñón aproveitou a súa visita ao IES Lauro Olmo para percorrer as instalacións docentes. En total, neste centro están matriculados 605 alumnos, dos cales 231 cursan Educación Secundaria Obrigatoria (ESO); 92 estudan bacharelato nas modalidades de humanidades e tecnoloxía; 154, ciclos formativos de grao medio ou superior e 58 alumnos cursan un programa experimental de potenciación de linguas estranxeiras. Este centro tamén oferta ensinanzas de adultos nas que están matriculados 50 alumnos.
Trala visita realizada a este centro, Laura Sánchez Piñón desprazouse ata a Casa do Concello do Barco de Valdeorras para manter un encontro co alcalde. Durante a xuntanza, a conselleira e o rexedor abordaron ás necesidades educativas dos centros do concello e a comarca.
Neste sentido Laura Sánchez Piñón anunciou que a Administración educativa investirá o vindeiro ano 2007 un total de 400.000 euros na ampliación dunha planta no IES Lauro Olmo e crearase unha sección delegada da Escola Oficial de Idiomas.
Asemade, a conselleira de Educación visitou o IES Cosme López tamén da Rúa e percorreu as instalacións docentes nas que están a cursar ESO 196 alumnos; bacharelato 88 estudantes; e ciclos formativos 15 alumnos. En total, este centro conta cunha matrícula de 299 estudantes. Durante a súa visita a este centro, lembrou que este ano a consellería acometerá a pavimentación do patio e pista realizando un investimento de 85.000 euros.
Ademais, a conselleira de Educación visitou o Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Manuel Respino de A Rúa, no que están matriculados 178 alumnos. Deste total, 55 cursan educación infantil e 123, educación primaria.