Educación e a Asociación Sociopedagóxica Galega colaborarán en actividades de formación do profesorado

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 13 marzo 2006 21:24

SANTIAGO DE COMPOSTELA 13 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación Sociopedagóxica Galega colaborarán en actividades de formación do profesorado, segundo acordaron hoxe a titular da Administración educativa, Laura Sánchez Piñón, e o presidente do colectivo, Xoán Costa, que acudiu acompañado pola vicepresidenta da entidade, María José Bravo.

Trala xuntanza, Xoán Costa sinalou que este primeiro encontro fora unha toma de contacto no que lle trasladaran á máxima responsable educativa galega a posibilidade de incrementar as axudas económicas para sufragar as actividades de formación do profesorado que, anualmente, desenvolve a entidade e que son todas homologadas pola Administración educativa.

Así, o presidente da Asociación Sociopedagóxica Galega sinalou que estas actividades "abarcan todos os temas que se tratan no sistema educativo". Neste senso, indicou que organizan xornadas de lingua e literatura, de educación infantil, de educación especial, xornadas de expresión oral, así como actividades relacionadas coa muller e congresos en colaboración coa propia Consellería de Educación ou coas Universidades.

Xoán Costa destacou a receptividade amosada pola conselleira de Educación e manifestou que chegaran ao acordo de "presentarnos mutuamente proxectos de traballo e analizar posteriormente a súa viabilidade". Neste senso, o presidente desta asociación dixo que, ademais das actividades de formación de profesorado, tamén desenvolven programas dirixidos aos pais e ao público en xeral.

A Asociación Sociopedagóxica Galega é un movemento de renovación pedagóxica e unha asociación sociocultural que leva traballando máis de 30 anos na promoción cultural, a formación docente, e a elaboración de materiais didáctivos e audiovisuais e de estudos sociais.

Contenido patrocinado