SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Educación convocou os premios de fin de carreira que recoñecen a excelencia académica dos alumnos universitarios como "unha aposta de futuro" de Galicia, aos que a administración destina 150.000 euros, o que supón un crecemento do 24,79% con respecto á convocatoria anterior de 2005.
Así o recolle unha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe sobre os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para os alumnos e alumnas que rematen os seus estudos universitarios no ano 2006 nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG).
Un total de 50 alumnos recibirán este premio, que consistirá nunha contribución en metálico de 3.000 euros (596 euros máis que na convocatoria anterior), o que equipará este galardón co 1º Premio Nacional de Fin de Carreira do Ministerio de Educación e Ciencia (MEC). Ademais, os estudantes premiados recibirán un diploma acreditativo desta distinción.
Deste xeito, concederáselle un premio, en concorrencia competitiva, por cada unha das titulacións distintas impartidas no SUG, ao alumno ou alumna con mellor expediente académico de entre os que se inscriban mediante a instancia formulada segundo o modelo que se inclúe como anexo a esta orde.
REQUISITOS
Poderán solicitar estas axudas os estudantes que cumpran os seguintes requisitos: posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun dos estados membros da Unión Europea; ter unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 2,7 puntos, para alumnos das áreas de ciencias experimentais, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas e humanidades; e 2 puntos, para alumnos da área de ensinanzas técnicas.
Os solicitantes deberán ter rematada a carreira no curso académico 2005-2006, entendendo por curso académico o período comprendido desde o 1 de outubro de 2005 ao 30 de setembro de 2006, ambos os dous incluídos. Naquelas titulacións para as que sexa necesario realizar o proxecto fin de carreira, será imprescindible que figure na certificación académica a data de avaliación do proxecto e o curso académico no que foi superado.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o 30 de setembro de 2006; e as listas provisorias de admitidos e excluídos estarán expostas desde o día 11 ao 24 de outubro de 2006, podendo ser consultadas no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.es e nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG, nas súas delegacións provinciais e nos vicerreitorados de estudantes das tres universidades galegas.
Esta convocatoria de premios responde ao obxectivo da Administración educativa galega de incentivar a promoción, o desenvolvemento e a mellora da calidade do Sistema Universitario de Galicia, que pasa por promocionar a excelencia académica dos seus estudantes como aposta de futuro da Comunidade.
COLABORACIÓN
A Administración educativa galega convoca bolsas de colaboración destinadas ao alumnado do último curso de ensinanzas universitarias que acredite expedientes académicos excelentes e desexe colaborar en departamentos universitarios do SUG, en réxime de compatibilidade cos seus estudos, co obxectivo de iniciarse en tarefas de docencia e investigación directamente vinculadas cos seus estudos.
Así, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria concederá 40 bolsas de colaboración investindo 126.000 euros, o que supón un incremento do 16,67 % sobre a convocatoria do 2005. Cada beneficiario percibirá 350 euros mensuais (50 euros máis que na convocatoria anterior), e este importe devengarase por cada mes de prestación da colaboración.
As actividades ás que se refire esta orde serán realizadas durante o curso académico 2006/2007, e a duración máxima das bolsas será de nove meses comprendidos entre o 1 de outubro de 2006 e o 30 de xuño de 2007. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta e un días naturais contados desde mañá xoves, 8 de xuño.
Para poder concorrer a estas axudas, os alumnos universitarios non poderán estar e posesión ou en disposición legal de obter o título académico de Licenciado, Enxeñeiro ou Arquitecto; deberán posuír unha nota media simple igual ou superior a 1,75 puntos e matricularse no vindeiro curso en calquera das tres universidades galegas no último curso do 2º ciclo ou da totalidade das materias ou créditos que lles resten para rematar os seus estudos, excluíndo do devandito cómputo o proxecto fin de carreira.
Ademais, no momento da formalización da matrícula do curso 2006/2007, os solicitantes deberán ter superado o primeiro ciclo e o 45 % dos créditos que integran o segundo, con excepción do alumnado de Medicina, que terá que ter superado o 60%.