SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Abr. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará a finais do mes de maio a 'Guía do estudante estranxeiro no Sistema Universitario de Galicia' en tres idiomas: portugués, inglés e francés.
Así o comunicou hoxe a titular da consellería, Laura Sáchez Piñón, aos membros do Consello Galego de Universidades na xuntanza celebrada en Santiago, que presidiu a titular de Educación.
O devandito documento pretende ser unha "ferramenta útil" de consulta destinada aos alumnos de fóra do Estado que aspiran a cursar estudos superiores de 1º ciclo, 2º ciclo ou 1 e 2º ciclo, ou un máster ou doutoramento.
Por outra banda, Laura Sánchez Piñón anunciou que o departamento que ela dirixe vai participar na Feira Internacional de O Porto, 'Forum Exponor', que se celebrará do 3 ao 6 de maio, onde se presentará material informativo sobre os 22 Programas Oficiais de Posgrao que se van implantarán nas universidades galegas.
Asemade, na reunión de hoxe nomeouse a María Isabel Doval Ruíz como representante das universidades no Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode). Ademais, os membros do Consello Galego de Universidades tiveron tamén coñecemento da normativa publicada e as convocatorias de prazas de profesorado universitario contratado.
Na reunión tamén participaron, xunto á conselleira, o reitor da Universidade de Vigo, Domingo Docampo Amoedo; o reitor da Universidade de A Coruña, José Mª Barja Pérez; e mailos directores xerais de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, José Ramón Leis e Rogelio Conde, respectivamente.
DESPEDIDA DE DOCAMPO
Domingo Docampo anunciara previamente que non se presentará ás eleccións a reitor da Universidade de Vigo de cara á súa renovación, polo que a de hoxe foi a última participación do reitor vigués nun Consello Galego de Universidades.
Docampo se despediu dos membros que o conforman destacando o "enriquecedor intercambio de opinións" que se produciu nos consellos aos que asistiu. Pola súa banda, os membros do Consello Galego de Universidades agradeceron ao reitor todas as súas intervencións nas xuntanzas nas que participou, así como o "destacable traballo" realizado en pro da Universidade de Vigo e do Sistema Universitario de Galicia en xeral.