A Escola de Negocios Uniemprende acollerá un seminario sobre o protocolo na organización de eventos sociais e de empresa

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 27 marzo 2006 21:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA 27 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Escola de Negocios Uniemprende (ENU), responsable da formación do Programa de Creación de Empresas da USC, organiza o Seminario 'O Protocolo na organización de eventos Sociais e de Empresa', enmarcado no programa de actividades formativas da ENU para o presente curso 2005-2006.

O seminario terá unha carga lectiva de 12 horas a desenvolver entre os días 4 e 6 de abril en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas na Aula de Formación do edificio Cactus, cun custe de 180 euros --este prezo inclúe a matrícula e os materiais das distintas sesións--.

A organización dunha reunión de negocios, dunha xunta de accionistas, da negociación cun cliente importante, dunha roda de prensa ou dunha entrega de premios, entre outros, son actividades habituais no quefacer profesional das empresas que se abordarán no evento. A correcta planificación, preparación, desenvolvemento e execución de calquera destes actos require dunha serie de coñecementos teóricos e prácticos básicos sobre protocolo que este seminario pretende ofrecer aos seus asistentes.

O protocolo, segundo a organización, "revaloriza calquera acto ao tempo que ofrece unha imaxe óptima e propicia os mellores resultados para a entidade organizadora".

Así, os promotores do seminario consideran que o protocolo deixa de ser un "mero instrumento" para a distribución de persoas e a implementación de normas e regras de cortesía e etiqueta para converterse "nunha útil e valiosa ferramenta" de dirección e xestión estratéxica a considerar por calquera organización que desexe mellorar o seu rendemento e sobrevivir a longo prazo.

Contenido patrocinado