Galicia rexistra un 17% de participación ás 12.00 horas, dous puntos menos que en 2020 e dous máis que en 2016

Un total de 29.300 galegos no exterior emitiron o seu voto, o que supón un 6,15% dos máis de 476.000 que estaban chamado ás urnas

Un home exerce o seu dereito a voto, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a 18 de febreiro de 2024, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia.
Un home exerce o seu dereito a voto, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a 18 de febreiro de 2024, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia. - César Arxina - Europa Press
Europa Press Galicia
Publicado: domingo, 18 febrero 2024 14:03

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Feb. (EUROPA PRESS) -

   A participación nas eleccións autonómicas de Galicia ás 12,00 horas deste 18 de febreiro situouse no 17,12 por cento, o que supón 2,3 puntos menos que o 19,42 por cento rexistrado nos comicios de 2020, marcados pola pandemia, e dous puntos máis que na cita coas urnas de 2016, cando a esta hora acudiran a votar o 15,01% dos electores.

   Segundo os datos ofrecidos pola Xunta, por provincias, A Coruña rexistra a esta hora un 16,73% de participación -- 2,06 puntos menos que en 2020--; Lugo un 17,76% -- 0,44% menos--; Ourense un 19,28% -- unha baixada de 2,42 puntos--; e Pontevedra un 16,66% -- un 3,19% menos que fai catro anos.

   Cabe destacar que as eleccións do ano 2020 estiveron marcadas pola pandemia, con zonas como A Mariña lucense onde a Xunta adoptara medidas de restrición da mobilidade debido a un rebrote de coronavirus.

    Así, se comparamos estes datos de 2024 cos de 2016, os últimos comicios desenvolvidos con total normalidade, a participación aumentou dous puntos ao mediodía, xa que fai oito anos a esta hora votaran o 15,01% dos electores.

   Naquela ocasión (2016), por provincias, na Coruña votara o 14,70%, o que supón 2 puntos menos que este ano; en Lugo, o 15,20% (-2,5%); en Ourense o 18,21%, (-1%); e en Pontevedra o 14,21% (-2,4%).

   Así o detallou en rolda de prensa o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, que pediu esperar ao dato definitivo para dar unha valoración das cifras de participación. "Cando teñamos o dato final será cando fagamos esas valoracións. En 2020 era en xullo, día de calor, e a xente adaptou o seu horario aos seus intereses", argumentou.

29.300 ELECTORES DO VOTO CERA

   Tras ser preguntado polos medios, Villanueva tamén avanzou que a porcentaxe de votos dos residentes no exterior foi do 6,15%. Votaron 29.300 persoas do total de 476.514 residentes no estranxeiro que forman parte do denominado Censo Electoral dos Residentes Ausentes (CERA).

   Os resultados deste voto, que por primeira vez despois de tres comicios autonómicos non foi 'rogado', daranse a coñecer o 26 de febreiro. No 2020 votaran 5.404 persoas (1,17%); en 2016, 10.777 (2,41%); e en 2012, 12.954 (3,26%). Mentres, en 2009 depositaran o seu voto no estranxeiro 101.708 electores, un 30,2% do total.

    Está prevista unha nova comparecencia do director xeral ás 17,30 horas no centro de datos situado na Xunta, en San Caetano, para informar dos datos de participación correspondentes á participación até as 17,00 horas deste domingo.

Contenido patrocinado