Innova.- A Universidade de Santiago captou máis de 35 millóns de euros por resultados de I+D en 2005

A USC acadou nove concesión dun total de 48 patentes solicitadas no período 2003-2005

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 24 marzo 2006 18:44

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Santiago (USC) captou un total de 35.598.000 euros por actividades de I+D no ano 2005, dos que corresponderon 9.510.000 euros a convocatorias de proxectos nacionais, 7.559.000 ás autonómicas, e 2.343.000 ás europeas.

Ademais, o balance das actividades de I+D+i+E --Investigación, Desenvolvemento, Innovación e Emprendemento--, sinala que a USC recibiu da Xunta 420.000 euros para o financiamento de infraestrutura técnica.

Por accións institucionais de I+D logrou 3.510.000 euros, e por I+D baixo contrato, 12.256.000 euros. Estas cifras manteñen uns resultados "moi similares" aos datos do ano anterior, co que a universidade conserva a súa tendencia investigadora. Pola súa parte, o Campus de Lugo logrou un total de 3.350.000 euros por proxectos, convenios e contratos; o que representa un incremento do 9,47% con respecto ao ano anterior, no que se acadaran 3.060.000 euros.

Asemade, adicionalmente, conseguiu preto de dous millóns de euros para accións de mellora de infraestruturas de investigación. O Campus lucense está a ter unha traxectoria claramente ascendente nos últimos anos. Dende 2001, este incremento foi do 124,83%, momento no que se obtiveran 1.490.000 euros en investigación.

PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN

No período 2004-2005 a USC desenvolveu un total de 393 proxectos de investigación de convocatorias públicas, o que representa un incremento de 7,08% con respecto ao período anterior. Estes proxectos desencadearon na consecución de 19.832.000 euros, dos cales 7.559.000 corresponden ao Plan Galego de I+D, 8.725.000 ao Plan Nacional de I+D, 785.000 a Proxectos do FIS (Fondo de Investigación Sanitaria), 2.343.000 a proxectos europeos e 420.000 a infraestrutura da Xunta de Galicia.

A Universidade de Santiago obtivo 10.579.000 euros por contratos e convenios de I+D coa Administración --6.652.000 euros-- e con empresas --3.928.000 euros--. Por servizos técnicos e labores de asesoramento, a institución académica percibiu 1.676.000 euros.

O 18 por cento dos recursos destínanse a financiar investigacións no campo da Biomedicina e Farmacia. Por áreas científicas, Ciencias Experimentais é o campo que xestiona unha maior cantidade de recursos, un total de 14,71 millóns de euros, o que representa o 47,39% dos recursos totais. De seguido, sitúanse Ciencias da Saúde (22,66%), Ciencias Tecnolóxicas (12,70%), Ciencias Sociais e Xurídicas (10,28%) e Humanidades (6,97%).

Por áreas socioeconómicas, o 33% dos recursos destínanse ao desenvolvemento de investigación básica, fundamental para lograr no futuro aplicacións en diversos campos. O 18% dos recursos diríxense a financiar investigacións no campo da Biomedicina e Farmacia. Outros campos de interese na USC son Medio Ambiente (12%), Economía e Estudos Sociais (10%), Tecnoloxía de Alimentos (7%), Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (6%). En menor medida, destacan as áreas de Produción Agraria e Agroindustria (4%), Produción Industrial (3%), Materiais (3%), Recursos Mariños e Acuicultura (2%) e Xestión do Patrimonio Histórico (2%).

NOVE PATENTES

No período 2003-2005 a Universidade de Santiago solicitou un total de 48 patentes e acadou nove concesións, mentres que no período 2000-2002 solicitáranse trinta e lográrase unha.

O persoal dedicado a actividades de investigación e desenvolvemento na USC ascende a 1.326 persoas. Destas, 11 están ligadas a programas de contratación nacionais como Ramón y Cajal e Juan de la Cierva, 61 a programas autonómicos, ademais de 428 becarios e 826 contratados.

PRODUCIÓN CIENTÍFICA

Segundo os datos da Vicerreitoría de Investigación e Innovación da USC, a produción científica rexistrou un "incremento considerable con respecto ao exercicio anterior. Durante 2004 publicáronse un total de 1.672 artigos en revistas científicas, dos cales 1.066 foron en publicacións consideradas "de alto nivel". Ademais, publicáronse 274 libros e monografías vinculados coas liñas e proxectos de investigación no seo da Universidade de Santiago.

Por outro lado, presentáronse 192 tesis de doutoramento durante este período e 14 programas de doutoramento recibiron a Mención de Calidade do Ministerio de Educación e Ciencia, o dobre que o ano anterior.

No campo do emprendemento universitario, a USC constituíu en 2005 a Sociedade de Capital Risco Uninvest, cun investimento de 18,5 millóns de euros. Nesta iniciativa participan 16 universidades --incluíndo as tres galegas-- e 9 investidores --entidades bancarias, empresas e entidades públicas--.

Por outra banda, dende o seu nacemento no ano 2001, o Programa Uniemprende, destinado á creación de empresas no seo da universidade, asesorou a un total de 325 proxectos, dos cales a USC financiou 16. A través dos seus concursos de ideas e proxectos empresariais premiou 1.047 iniciativas cun total de 145.100 euros.

Contenido patrocinado