Un investigador da USC destaca entre os premiados polo Laboratorio Joint Institute of Nuclear Resarch de Rusia

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 3 julio 2006 21:43

SANTIAGO DE COMPOSTELA 3 Jul. (EUROPA PRESS) -

O premio de investigación do Laboratorio Joint Institute of Nuclear Resarch de Dubna (Rusia) na súa convocatoria de 2005 foi outorgado a un equipo internacional de cinco investigadores entre os que se atopa o profesor do Departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago (USC), Gonzalo Parente Bermúdez.

O resto do equipo intégranno Anatoly Kotikov, Alexander Sidorov, Vasily Krivokhizhin, todos eles do JINR, e por Andrei Kataev do Institute of Nuclear Research de Moscú.

O traballo no que participou o profesor da universidade compostelá foi premiado na categoría de Física Teórica e é froito dunha intensa colaboración do Departamento de Física de Partículas da USC con diversos centros de investigación punteiros de Rusia, entre os que destaca o Instituto de Investigación Nuclear da Academia de Ciencias de Rusia.

O proxecto premiado, xa recollido en diversos artigos científicos publicados en revistas especializadas de prestixio internacional, supón un importante avance no coñecemento da estrutura do protón que axuda a acomodar as medidas experimentais coas prediccións da Cromodinámica Cuántica, teoría actualmente vixente para as interaccións entre os quarks constituíntes da materia.

O premio outorgado, que se concede anualmente, valora a calidade, o carácter internacional e a multidireccionalidade da investigación realizada polos membros do JINR e os seus colaboradores.

O Joint Institute of Nuclear Resarch está considerado como un importante centro de investigación internacional de referencia no eido da física nuclear e de partículas. Emprazado en Dubna (Rusia), está formado por 18 países, case todos eles da órbita da antiga URSS, e nel traballan preto de 8.000 persoas das que máis de mil son científicos.

Contenido patrocinado