Les Musiciens du Louvre actúa mañá en Santiago no marco do Festival Vía Stellae cun repertorio de Haydn

Actualizado: sábado, 15 julio 2006 20:30

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Jul. (EUROPA PRESS) -

A orquesta francesa Les Musiciens du Louvre actuará mañá en Santiago de Compostela dentro do Festival Vía Stellae, no que interpretarán tres sinfonías do periodo londinense de Haydn.

O conxunto estará dirixido polo seu fundador, Marc Minkowski, que tras moitos anos adicado exclusivamente á música barroca foi ampliando o seu repertorio cara á ópera e outros periodos musicais.

Na xornada de hoxe será a Venice Baroque Orchestra a que interpretará unha escolma das mellores pezas musicais do barroco veneciano na gala 'Unha noite en Venecia', que incluirá obras de Antonio Vivaldi, Baldassare Galuppi, Benedetto Marcello e e Tomaso Albinioni.

Este festival, que inclúe 16 concertos en Compostela tamén ten programados outros nas diversas vilas e cidades dos distintos Camiños de Santiago. No caso da Vía da Prata, ademais do que se celebrou o mércores en Ourense, terán lugar outros tres ata o 27 de xullo.

Así, o novo Auditorio Municipal de Ourense acollerá o vindeiro mércores a Camerata Quiodi, que interpretará un programa adicado á música composta por Mozart para conmemoracións e celebracións especiais.