Letras Galegas.- O BNG apoia a manifestación convocada pola Mesa e chama a "unha mobilización masiva" a prol do galego

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 16 mayo 2006 20:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA 16 May. (EUROPA PRESS) -

O BNG apoia a manifestación convocada pola Mesa pola Normalización para mañá en Santiago de Compostela e chama a "unha mobilización masiva" a prol do galego. Varios dirixentes nacionalistas asistirán a este acto, que se desenvolve coa reivindicación dun novo estatus para o galego.

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, acudirá mañá a Alameda de Santiago, lugar de donde partirá a manifestación que, tras percorrer varias rúas rematará na Praza da Quintana, coa lectura dun manifesto.

O coordinador executivo do BNG, Francisco Jorquera, e o secretario de Acción Social da formación e parlamentario autonómico, Bieito Lobeira, mostraron a semana pasada o apoio da súa organización á mobilización convocada pola Mesa para o 17 de maio en Santiago de Compostela, baixo o lema 'Porque temos, porque queremos, porque debemos. O Estatuto da normalidade lingüística. O galego: un dereito, un deber'.

O BNG fixo un chamamento "á militancia nacionalista e ás persoas de ben" para que o 17 de maio acudan a Santiago e "defendan o que é noso". A organización frentista quere que a mobilización sexa "unha auténtica demostración de forza e masiva" a prol de que a lingua galega logre un novo estatus e conquiste novos espazos de uso.

Os nacionalistas entenden que este ano se celebrará cunha "significación especial" o 17 de maio --instaurado como 'Día das Letras Galegas' pola Real Academia Galega--, debido a que Galicia vive un contexto político de reformas estatuarias no Estado español e do inicio do proceso para un novo texto do Estatuto galego.

Contenido patrocinado