Letras Galegas.- Os supermercados Gadis regalan hoxe 10.000 exemplares do relato corto 'Tomás o parvo'

Actualizado: martes, 16 mayo 2006 13:06

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 May. (EUROPA PRESS) -

Gadisa, empresa con capital 100% galego e responsable dos Supermercados Gadis, súmase á celebración do 'Día das Letras Galegas' coa difusión dun poema de Manuel Lugrís nas bolsas de compra e repartindo hoxe 10.000 exemplares do relato corto 'Tomás o parvo', un libro infantil.

Co agasallo do libro, o que se pretende é fomentar o hábito de lectura en galego entre os máis pequenos. Os Supermercados Gadis repartirán exemplares de 'Tomás o parvo', escrito por Xosé Díaz Dopico, dirixido a nenos entre 7 e 12 anos. Trátase dun relato breve que busca inculcar os valores da solidariedade e o esforzo entre os rapaces

Para conseguir un destes exemplares só é necesario achegarse hoxe a calqueira dos establecimentos da cadea de Supermercados Gadis de Galicia e realizar unha compra de calquera importe, ata fin de existencias.

O relato de Xosé Díaz Dopico é a historia de superación persoal dun neno que, orfo de pai, vive coa súa nai e seu avó cego, ó que coida e acompaña cando remata de axudar á súa nai nas tarefas da finca onde traballan na Galicia dos anos cincuenta. 'Tomás o parvo' ensina que valores como a tolerancia, a responsabilidade social e o esforzo son fundamentais para o progreso, tanto individual coma colectivo.

Dada a boa acollida que tivo a iniciativa de regalar libros en anos anteriores e ante a importancia que para Gadisa ten fomentar a lectura infantil en galego, Supermercados Gadis pon en marcha esta acción por cuarto ano consecutivo. En anos pasados e coincidindo tamén coa celebración do Día das Letras Galegas, os supermercados Gadis regalou os contos 'Unha aventura con historia', 'As travesuras de Antón' e 'Lula e a folla milagreira', tamén de Xosé Díaz Dopico.

Gadisa está consolidado como líder de distribución do Noroeste peninsular con máis de 500.000 clientes que tódolos días visitan os seus 437 puntos de venta, que se reparten entre 190 Supermercados Gadis, 201 Claudio, 10 centros comerciais Haley, 12 Cash IFA e 24 establecimentos San Luis.

Asemade, os Supermercados Gadis reparten desde o pasado 6 de maio uns 4,5 millóns de bolsas da compra cun poema impreso de Manuel Lugrís Freire, autor ao que se lle adica este ano o 17 de maio. Así, a bolsa de compra convírtese nun "elemento de difusión cultural" e fai "asequible a todo o mundo" que poidan coñecer a obra de Manuel Lugrís.