Pesca negociará mañá cos mariñeiros do cerco a actualización dos barcos que se benefician do acordo con Portugal

Actualizado: jueves, 26 enero 2006 21:32

PONTEVEDRA, 26 Ene. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral de Pesca Marítima, Juan Carlos Martín Fragueiro, reunirase mañá con representantes das confrarías de Portonovo, Cambados, Redondela, Vigo e A Guarda para abordar a actualización dos barcos de cerco que se benefician do Acordo Transfronteirizo do Miño.

Este convenio permite que uns 40 barcos galegos poidan faenar en augas de Portugal, para o que se inscriben nunha "lista de referencia" que actualmente, segundo o patrón maior de Portonovo, José Antonio Gómez, "está obsoleta". Gómez explicou que entre 15 e 20 embarcacións que figuraban nesa lista "xa non faenan porque foron desguazados ou vendidos a outras rexións".

Por outra banda, o patrón maior de Portonovo sinalou que hai unha serie de barcos que "por solidariedade" poderían ocupar ese posto, polo que a proposta que lle van trasladar a Martín Fragueiro no acto que se celebrará na sé da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra, en Arcade, será a "renovación e ampliación" da lista de referencia.

Trala xuntanza co secretario xeral de Pesca Marítima, o comité executivo da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra será recibido pola conselleira de Pesca da Xunta, Carmen Gallego. Fontes da Federación amosaron a súa satisfacción pola celebración deste encontro, transcurridos cinco meses da súa solicitude, no que lle van plantexar asuntos que "preocupan" ao sector, como as indemnizacións trala catástrofe de Prestige, as compensacións polas perdas debidas á marea vermella ou as modificacións ao Decreto de Confrarías.