SANTIAGO DE COMPOSTELA 31 May. (EUROPA PRESS) -
A Secretaría Xeral de Política Lingüística anunciou hoxe que vai crear un grupo de traballo para estudar a situación actual dos lectorados de galego nas universidades españolas e do estranxeiro e deseñar melloras futuras no seu funcionamento.
Así o acordou a secretaria xeral de Política lingüística, Marisol López, cos membros da Comisión de Seguemento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). A primeira xuntanza deste grupo de traballo terá lugar a vindeira semana.
Técnicos da Secretaría Xeral de Política Lingüística e os directores do departamento de Filoloxía Galega das tres universidades integrarán este equipo de traballo que nace coa finalidade de mellorar a situación dos 30 profesores lectores que imparten clases de lingua e cultura galegas en Universidades de España e do estranxeiro. Este grupo de traballo levará a cabo unha avaliación exhaustiva e pormenorizada da situación actual dos lectorados de cara a introducir melloras académicas e laborais no seu funcionamento, que permitan aproveitar de xeito máis óptimo o enorme potencial humano e a oportunidade que supoñen estes lectorados de cara á difusión exterior da lingua e a cultura de Galicia.
Política Lingüistica indicou que nestes momentos negocia coas universidades de destino melloras no status laboral dos lectores --ata o de agora bolseiros-- para que poidan ter un contrato laboral. Ademais, este ano xa se introduciu algunha mellora, como a creación dun seguro médico para estes profesores, ou a posta en marcha na páxina web da Secretaría Xeral dun foro para a comunicación interna cos lectores, na que se introducirá material didáctico e bibliográfico que poida ser da súa utilidade.
O grupo de traballo manterá a primeira reunión a vindeira semana. As xuntanzas van ser periódicas para ter un seguemento continuo do día a día do traballo dos profesores lectores de lingua galega nas universidades de todo o mundo. Coa formación deste equipo de traballo, o departamento que dirixe Marisol López busca mellorar a coordinación na súa rede de lectorados, así como axilizar a comunicación entre entre a Secretaría Xeral e os diferentes Centros de Estudos Galegos no exterior.