Política Lingüística promocionará a lingua galega en Lisboa coa participación na Feira Expolingua Portugal 2006

Actualizado: martes, 14 marzo 2006 18:07

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Mar. (EURPA PRESS) -

A Secretaría Xeral de Política Lingüística promocionará o galego ao participar no Salón portugués de linguas e culturas, Explingua Portugal 2006, que se celebrará dende o xoves ata o sábado no Centro de Congresos de Lisboa.

Segundo informou hoxe o devandito departamento autonomico, os principais obxectivos da delegación da Xunta de Galicia neste foro son "dar a coñecer a situación social do galego e as posibilidades de formación en lingua galega no exterior".

Ademais, difundirase información sobre a oferta formativa existente en Galicia para os estranxeiros que desexen aprender galego. A programación de cursos e as estadías formativas no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades son algunhas das posibilidades que se ofrecen.

Na Expolingua de Lisboa daranse cita 47 expositores procedentes de distintos países do mundo, o que converte esta feira nunha boa oportunidade para establecer contactos, dar a coñecer o noso idioma e promocionar a súa aprendizaxe, así como para compartir experiencias con outras institucións lingüísticas e culturais.

No programa de actividades da Secretaría Xeral de Política Lingüística na feira está prevista a participación do director do Instituto Cervantes de Lisboa, Ramiro Fonte, que dará unha conferencia sobre as relacións entre a literatura galega e portuguesa. Será o sábado, 18 de marzo ás 12 do mediodía.

No expositor da Xunta de Galicia contarase tamén coa presenza da profesora-lectora de lingua e cultura galegas na Universidade Nova de Lisboa, Oliva Fraga, co fin de contribuír á promoción da aprendizaxe do galego na capital portuguesa. A institución académica portuguesa ofrece nos seus plans de estudos a lingua, a literatura e a cultura galegas como materias obrigatorias e opcionais.