SANTIAGO DE COMPOSTELA 11 Ene. (EUROPA PRESS) -
Os profesionais da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (Galix) ofrecéronse hoxe a proporcionar asesoramento a docentes sobre este eido, tras o encontro mantido entre a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, e a presidenta desta entidade, Gloria Sánchez, que acudiu acompañada pola secretaria, Paula Carballeira.
Durante a xuntanza, a presidenta de Galix ofreceulle á máxima responsable da Administración educativa a colaboración desta asociación nos proxectos que a consellería leve a cabo relacionados coa literatura infantil e xuvenil.
Ademais, solicitaron ao departamento autonómico apoio loxístico para a creación da páxina web da entidade e apoio a outros proxectos que están desenvolvendo. Estes van dende grupos de traballo ata asesoramento por temas e idades, e, para cuestións máis específicas, todo iso non só en soporte libro, senón tamén facendo uso das novas tecnoloxías.
Sánchez Piñón, pola súa banda, comprometeuse a avaliar todas estas propostas e manifestou que estudará tamén a posibilidade de relacionar estes proxectos cos que está a traballar a Administración educativa neste ámbito.