Radio Galega Música emite mañá en directo un concerto da Real Filharmonía dirixida por Antoni Wit

Actualizado: miércoles, 15 febrero 2006 17:36

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Feb. (EUROPA PRESS) -

Radio Galega Música retransmitirá en directo o concerto que mañá ofrecerá en Santiago a Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta de Antoni Wit e coa participación de Kun Woo Paik ao piano, informou hoxe a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG).

Pablo Barreiro presentará esta actuación, que constará no seu repertorio coa "Obertura", de Doberzynski; o "Concerto para piano número 1 en mi menor, op 11", de Chopin; "Orawa", de Kilar; e a "Sinfonía número 1 en si bemol maior op. 38 'Primavera'", de Schumann.

Esta emisión enmárcase no convenio de colaboración asinado polo director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez, co alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, para difundir a labor da orquestra. A iniciativa está encamiñada a promover a cultura e a música achegándoa a todos os fogares a través dos medios de comunicación públicos.

O Convenio entre a Real Filharmonía e a Radio Galega prevé a gravación e radiodifusión dos concertos da orquestra compostelá, que celebra este ano o seu décimo aniversario. Precisamente con motivo do décimo aniversario da Real Filharmonía de Galicia, a Radio Galega vai editar un libro disco con gravacións da orquestra.

Nesta liña de apoio, ademais da gravación e retransmisión dos concertos, a Radio Galega dedica parte do seu coñecido programa "Clásicos na sobremesa", que se emite os domingos de tres a catro da tarde, e "Diario Cultural", de luns a venres no mesmo horario, á difusión do traballo da Filharmonía.