SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Jun. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Real Academia Galega -RAG- salientou hoxe que ata que non se recoñezan "un por un" os mártires galegos, para que non sexan mortos "anónimos", Galicia "non se normalizará" porque "o país ten que asumir os seus defectos".
En declaracións aos medios tras asinar un convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Barreiro destacou que a RAG está "resucitando" a memoria histórica. "Algo que só poden facer as institucións que teñen historia", aclarou ao tempo que considerou "fundamental" recoñecer aos mártires galegos.
"Mentres isto non se resolva este país non se normaliza, porque o país ten que asumir tamén os seus defectos, xa que os que mataron tamén eran galegos", engadiu para suliñar que o papel que tamén realiza a Xunta na recuperación da memoria histórica é "fundamental" porque é de xustiza histórica.
No mesmo sentido se pronunciou a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, quen lembrou que a Xunta conseguiu que se declarase o 2006 como Ano da Memoria e precisou que se está facendo un traballo "importante" de recuperación da memoria que continuará en "anos vindeiros".
DÍA DA GALICIA MÁRTIR
Nembargantes, tanto Bugallo coma Barreiro confirmaron que aínda non se estudiou a posibilidade de fixar o 17 de agosto como Día da Galicia Mártir, tal e como reclamou onte a Fundación Alexandre Bóveda na Comisión da Reforma do Estatuto ou como xa pediu, tamén, o propio BNG. "Este día existe, independentemente, de que haxa unha declaración oficial ou non", engadiu a conselleira quen avanzou que se organizarán unha serie de actos con motivo dese día.
O presidente da RAG apuntou que aínda non se reuniron para fixar unha data, aínda que apuntou que Bóveda non foi o único mártir da Guerra Civil. Pola súa banda, Bugallo afirmou que a declaración oficial do 17 de agosto como Día da Galicia Mártir dependerá de que exista un acordo "no seu momento".
MÁIS "COORDINACIÓN"
Por outra banda, Barreiro reclamou una "continua coordinación" entre as distintas institucións culturais galegas -RAG, Consello da Cultura Galega, Instituto Ramón Piñeiro, etc- para "camiñar nunha mesma dirección" e "reforzar" a identidade cultural de Galicia. "Temos que coordinarnos para ter unha tranquilidade, aínda que ningúen pensou en que vaian desaparecer algunhas destas entidades", engadiu.
Así, descartou que haxa diferencias entre os distintos organismos ou que se vaian fundir nunha única entidade e suliñou que, antes de asistir a sinatura deste convenico, viña doutra reunión co presidente do Consello da Cultura, Ramón villares. "Non debemos solaparnos uns aos outros e debemos dividir con bastante claridades as responsabilidades", apuntou ao destacar que a da RAG é "mimar, cuidar e normalizar o idioma".
Asemade, recoñeceu que a institución que preside estivo "moito tempo pechada en si mesma" e apostou por aproximala á sociedade. "A RAG estivo nunha especie de autocomplaciencia, absurda, por outra parte", engadiu tras a firma do acordo con Cultura que supón que a Xunta achegará 100.000 euros para os actos do centenario deste organismo.
A programación do centenario servirá para rememorar os principais eventos culturais que marcaron a historia recente de Galicia. O primeiro foi a presentación dunha nova edición de Os Eoas, de Eduardo Pondal, e unha homenaxe en abril aos mártires de Carral. Neste senso, mañán a RAG conmemorará os xogos florais de Tui de 1891, nun acto no que o rexionalismo solemnizou a importancia "decisiva" que a lingua , a literatura e a música tiñan para Galicia.