SANTIAGO DE COMPOSTELA 1 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Secretaría Xeral de Comunicación convoca axudas por importe de 600.000 euros para a promoción e difusión do patrimonio audiovisual galego que poderán beneficiar a tres liñas de subvencións: asistencia ou organización de festivais, mostras ou estreas na comunidade autónoma e a comercialización e asistencia a mercados ou foros de coprodución internacionais.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da publicación da orde no DOG para a primeira liña de axudas e ata o 31 de decembro para as outras dúas.
A liña de axudas destinada ao desenvolvemento e organización de festivais dentro da comunidade autónoma de Galicia está dotada con 300.000 euros, abrangue actos públicos de promoción das producións audiovisuais cun relevante efecto divulgativo, incentivando a profesionalidade, mellorando o coñecemento das producións audiovisuais e potenciando e consolidando a imaxe xeral do audiovisual galego.
A segunda das liñas de subvención, dotada con 200.000 euros, está orientada á comercialización de producións audiovisuais galegas, á asistencia a mercados, foros de coprodución e misións comerciais, así como á asistencia a festivais no eido audiovisual, por considerar a participación neses eventos un paso necesario para a promoción internacional da obra audiovisual galega.
En canto á terceira das liñas, está deseñada para apoiar actos de estrea ou presentación de producións galegas dentro da comunidade autónoma, ao recoñecer a importancia do primeiro acto de promoción e o relevante impacto divulgativo que producen. Este programa de axudas, tamén de atribución directa, conta cunha dotación de 100.000 euros.