O Sergas e a Fundación Castelao profundizan nas novas liñas de actuación asistencial para a área de saúde de Pontevedra

Actualizado: miércoles, 25 enero 2006 21:40

PONTEVEDRA, 25 Ene. (EUROPA PRESS) -

O director provincial do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Emilio Santiago Nieto, e o xerente de Atención Primaria, Carlos Eirea Eiras, expuseron hoxe durante unha xuntanza mantida en Pontevedra con representantes da Federación veciñal Castelao diversos eidos da nova planificación sanitaria e asistencial que o citado servizo está a desenvolver nesta área sanitaria.

Así, os directivos sanitarios concretaron neste encontro, que da continuidade ao diálogo mantido entre a Administración sanitaria e o colectivo veciñal pontevedrés o pasado 15 de decembro en Vigo, cos representantes veciñais as liñas do deseño dunha campaña informativa que desenvolverán conxuntamente e destinada a informar sobre algunhas das patoloxías específicas da muller.

Neste senso, se elaborarán trípticos de información sanitaria relativa á Atención do Embarazo, Parto e Puerperio; a Prevención e o Diagnóstico do Cáncro Xinecolóxico e de Mama; así como á Orientación Familiar e Anticonceptiva, e á Educación Sexual. A súa difusión pública contará coa colaboración das asociacións veciñais, que favorecerán a axeitada proxección preventiva que esta iniciativa ten coma principal obxectivo.

Neste senso, segundo subliñou o director provincial do Sergas, Emilio Santiago Nieto, trátase dunha experiencia "novidosa" que, por primeira vez, actúa conxuntamente con asociacións veciñais na transmisión de información sanitaria; coa elaboración e difusión destes trípticos, o eido da atención primaria adquire a súa "verdadeira dimensión comunitaria" ao tempo que se lle da un "importante pulo" ás suas vertintes preventiva, promotora da saúde e de educación sanitaria.

Ademais, dase un paso máis no desenvolvemento dun dos principais eixos inspiradores da nova política sanitaria; acadar a participación real dos cidadáns no sistema sanitario. Neste senso, os directivos do Sergas lembraron que a Administración sanitaria ven de constituir o Consello Galego de Saúde, e proximamente abordarase a configuración do Consello Asesor do Sistema Sanitario e as Comisións de Participación Cidadá, mecanismos de participación e control sobre o sistema sanitario por parte dos pacientes, os profesionais e o conxunto da sociedade.

Ademais, durante a xuntanza se expuseron tamén outras liñas de actuación que a sanidade pública está a abordar, xa que representan novos retos sanitarios aos que é necesario dar resposta como a atención á violencia de xénero e ás mulleres maltratadas, a atención a inmigración, e a atención a problemas específicos como son a prostitución e a SIDA.