Táboas, Encarna Otero e Néstor Rego participarán nun acto informativo do BNG sobre rehabilitación de vivenda en Santiago

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 29 mayo 2006 19:24

SANTIAGO DE COMPOSTELA 29 May. (EUROPA PRESS) -

O BNG celebrará o vindeiro mércores na capital galega un acto informativo sobre rehabilitación de vivenda en Santiago, no que participarán a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas; a directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda e membro da Executiva Nacional do BNG, Encarna Otero; e Néstor Rego, portavoz do grupo municipal do BNG en Santiago e primeiro tenente de alcalde.

'Vivenda e Rehabilitación en Compostela' é o lema desta sesión, que se celebrará o mércores ás 20.30 horas no Hotel NH Obradoiro. Neste acto presentaránse as medidas concretas, nomeadamente a rehabilitación integral de polígonos como o da Pontepedriña ou o de Vista Alegre e as axudas dirixidas ao aluguer, así como para tratar do marco xeral da política de vivenda.

Segundo informou hoxe a organización nacionalista, o dereito a unha vivenda digna é unha das principais preocupacións que ten o BNG dentro das cuestións sociais. Por iso, engade que as políticas dirixidas a facilitar o acceso a este dereito nas mellores condicións posíbeis, así como a mellorar a calidade do patrimonio construído, son un dos obxectivos do BNG na súa actuación institucional, tanto no Concello de Santiago como na Xunta de Galicia.

Contenido patrocinado