Uns 41 centros no exterior reciben diverso material audiovisual para a difusión da lingua e da cultura galega

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 17 abril 2006 19:23

SANTIAGO DE COMPOSTELA 17 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Secretaría Xeral de Política Lingüística remitiulles diverso material didáctico aos 41 centros de estudos galegos que funcionan en distintas universidades españolas e do estranxeiro, coa finalidade de contribuír á difusión da lingua e a cultura galegas no exterior. No envío figura todo o material elaborado con motivo do 'Día das Letras Galegas' sobre a traxectoria literaria de Manuel Lugrís Freire, a quen este ano a Real Academia Galega lle adica o 17 de maio.

Segundo informou hoxe a Xunta, en resposta ás demandas dos diversos lectorados de galego no exterior, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración co Consorcio Audiovisual de Galicia, pon a disposición dos centros algunhas das longametraxes galegas máis recentes, como 'Trece Badaladas' ou 'Pinocho 3000k', así como unha selección de curtas con diálogos en galego para que os profesores dispoñan doutras dinámicas de aula na difusión da lingua.

Os centros nos que se imparten clases de galego no exterior contarán ademais con material gráfico e audiovisual sobre Manuel Lugrís: unidades didácticas, CD-Rom, DVD ou unha escolma de textos que repasa a historia do 'Día das Letras Galegas', a través dos escritores homenaxeados nestes anos, e que leva por título De Rosalía a Manuel Lugrís Freire: 1963-2006.

Asimesmo, a Secretaría Xeral de Política Lingüistica tamén lles fai chegar a estes centros Manuais dos cursos de Iniciación ao galego, dicionarios, e exemplares das Normas ortográficas e morfolóxicas do galego.

O departamento que dirixe Marisol López comunicou o envío do material didáctico en galego a través dun novo servizo creado para a comunicación interna entre os diferentes profesores lectores de galego que desenvolven o seu traballo en distintos puntos de España e do estranxeiro. Trátase dun foro destinado ao intercambio de información e experiencias que garantirá unha comunicación áxil entre os lectores a través da rede Internet.

Contenido patrocinado