Vivenda promove a construcción de 776 vivendas protexidas en A Coruña, cun investimento de 29 millóns de euros

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 29 agosto 2006 13:22

SANTIAGO DE COMPOSTELA 29 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe Teresa Táboas, promove a construción dun total de 776 vivendas protexidas en varios barrios da cidade de A Coruña, cun investimento de 29 millóns de euros, informou hoxe o propio departamento autonómico.

Destas vivendas previstas, 188 están en fase de construción no barrio de Eirís, cun orzamento de 9 millóns de euros. As obras de execución destas vivendas de promoción pública (VPP) van segundo o ritmo previsto. Trátase de 4 bloques de vivendas, dous dos cales estarán rematados a finais de 2008 e outros dous bloques finalizaranse a mediados de 2009. A superficie útil destas vivendas oscila entre os 82 e os 90 metros cadrados.

Así mesmo, o departamento que dirixe Táboas ten previsto comezar no primeiro trimestre de 2007 as obras de construción doutras 160 vivendas protexidas no barrio coruñés de Mesoiro, para o que destina 11,5 millóns de euros. As vivendas, cunha superficie útil que oscila entre os 82 e os 90 metros cadrados, estarán rematadas cara finais de 2009.

Tamén na Coruña, Vivenda ten prevista a construción de 28 novas vivendas de protección autonómica (VPA) na rúa Cabaleiros, promovidas por Xestur-Coruña, empresa adscrita á consellería. No mes de setembro sacaranse a concurso as obras de construción das vivendas, cuxo orzamento ascende a 2,5 millóns de euros, e o comezo dos traballos de execución está previsto para o mes de novembro. Trátase dun edificio de sete plantas con vivendas de 1, 2 e 3 dormitorios, e cunha superficie útil que oscila entre os 64,5 e os 84,2 metros cadrados. As vivendas adxudicaranse en réxime de aluguer por un período máximo de dez anos.

A esta actuación hai que engadir a construción dunha área residencial no Campus de Elviña da Universidade da Coruña, que albergará alomenos 400 vivendas, unha parte das cales será dun só dormitorio e todas elas baixo a modalidade de aluguer. Para isto, a Consellería investirá 4,1 millóns de euros na adquisición dos terreos e ata 1,8 millóns de euros na urbanización dese solo residencial. A Consellería convocará no mes de setembro un concurso de ideas co fin de garantir a calidade arquitectónica deste proxecto.

Contenido patrocinado