A Xunta discrepa da "forma" e do "fondo" dos recortes do Goberno central en dependencia

Manuel Baltar y Beatriz Mato suscriben un convenio
EUROPA PRESS/DIPUTACIÓN
Actualizado: jueves, 19 julio 2012 20:54

Beatriz Mato reclama que o Estado teña un "mellor comportamento" coas comunidades que apostan por dar servizos e non pagas coidadores


OURENSE, 19 Jul. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, recoñeceu que non pode estar de acordo nin "coa forma" na que o Goberno central decidiu facer novos recortes nos fondos que destina ás comunidades para a atención aos dependentes, nin co "fondo", que supón un recorte este ano de 21,5 millóns de euros nas transferencias que recibe Galicia para afrontar as prestacións da Lei de Dependencia.

Durante a sinatura dun convenio de colaboración en materia de servizos sociais coa Deputación de Ourense, Beatriz Mato queixouse de que o recorte do 13 por cento das transferencias do nivel mínimo que recolle o real decreto do 13 de xullo "non foi comunicado como debería" ás comunidades autónomas, posto que non se explicou no Consello Territorial e foi publicado directamente no Boletín Oficial do Estado (BOE).

"De forma non podo estar de acordo con ese axuste e de fondo, evidentemente, tampouco", admitiu a responsable dos servizos sociais autonómicos. Ao respecto, reprochou que Galicia "xa leva o peso máis importante da atención ao sistema de dependencia", ao asumir "tódolos galegos" o 70 por cento do financiamento, por só o 30 por cento que afronta o Estado.

Cos novos recortes, as arcas autonómica rematarán por asumir aproximadamente un 77 por cento dos custos, fronte ao 23 por cento do Estado, mentres que a lei apostaba por equilibrar a repartición do financiamento no ámbito do 50 por cento para cada administración.

Ao último axuste decidido polo Goberno de Mariano Rajoy, que en Galicia suporá un recorte de 4,5 millóns de euros, hai que sumar que xa se eliminara o nivel acordado, o que xa significara unha caída de 17 millóns na achega do Estado á atención á Dependencia neste exercicio, segundo confirmaron a Europa Press fontes da Xunta.

"MELLOR COMPORTAMENTO" DO ESTADO

Por conseguinte, Beatriz Mato reclama do Estado "un mellor comportamento" coas comunidades que, como Galicia, apostan por implantar a Lei de Dependencia mediante a prestación de servizos "de calidade", fronte a aquelas que dan pagas a familiares, un sistema máis barato. De feito, en Galicia o 63 por cento dos dependentes son atendidos por profesionais ou nun centro de día ou residencia e apenas o 30 por cento por unha persoa próxima que percibe un subsidio.

Ante esta conxuntura, a conselleira de Benestar retomou a súa demanda de que se faga realidade de forma inmediata, o próximo mes de agosto e non en xaneiro do 2013, a ponderación económica positiva sobre a prestación de servizos, fronte ás pagas a familiares.

Pero ademais, o Goberno galego reclama que a ponderación non sexa gradual en cinco anos, como aprobou o Ministerio de Sanidade, senón efectiva na súa integridade dende a súa posta en marcha. "Esta medida é absolutamente necesaria para esta comunidade, deberían ponderar máis a Galicia por prestar máis servizos fronte a comunidades que recorren ás pagas simplemente por criterio económico. Esta demanda fíxena e mantéñoa e volverei darlle traslado ao Ministerio", aseverou Mato.

Malia os reproches a un goberno central do mesmo signo político que o de Galicia, Beatriz Mato recoñeceu que o Executivo de Mariano Rajoy "deu un paso adiante" ao asumir unha reforma da Lei de Dependencia que xulga "absolutamente inaprazable e necesaria" porque esta norma naceu hai cinco anos "sen financiamento". "Non é unha lei viable, no sentido de que non lle dá resposta os dependentes de toda España, aos dereitos que se recollen", puntualizou.

En Galicia hai na actualidade en torno a 37.000 dependentes asistidos, de forma que a ratio de atención sitúase no 60 por cento sobre o total. Non obstante, en torno a 20.000 persoas con dependencia severa (grao III) e moderada (grao II) permanecen en lista de espera pendentes de recibir atención.