O 061 de Galicia expón en Finlandia a xestión do accidente de Angrois

Accidente de tren Alvia en Angrois (Santiago de Compostela)
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 19 abril 2014 14:58

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Abr. (EUROPA PRESS) -

   O director do 061 de Galicia, José Antonio Iglesias Vázquez, levou a xestión do accidente ferroviario de Angrois a un congreso sobre incidentes con múltiples vítimas, celebrado na cidade finlandesa de Hyvinkää, na Universidade Laurea de Ciencias aplicadas.

    Alí, Iglesias expuxo os traballos realizados --no que se considera o maior incidente, non intencionado, con múltiples vítimas na historia recente de España-- durante as catro horas e 17 minutos que pasaron dende a primeira alerta ata que a última vítima chegou ao seu centro de referencia. En total, o 061 de Galicia trasladou 156 persoas a diversos centros en función das súas lesións e gravidade.

   En concreto, o accidente supuxo a mobilización de nove ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado, 23 ambulancias asistenciais de soporte vital básico, 32 ambulancias convencionais e dúas ambulancias de transporte colectivo. Todo iso, sen desatender urxencias sanitarias habituais, segundo informa a Xunta.

   Entre as leccións aprendidas deste suceso, o director do 061 de Galicia destacou a importancia da realización periódica de simulacros e a difusión de plans de emerxencias sanitarias como ferramentas básicas para os profesionais que atenden este tipo de accidentes.

   Así mesmo, Iglesias Vázquez subliñou a importancia do Plan de emerxencias sanitarias do 061 de Galicia, no que se detallan todas as definicións, protocolos e catálogos de recursos dispoñibles na Comunidade galega para a atención de sinistros de múltiples vítimas. Xa que o plan se revisa cada dous anos, valórase incluír un novo nivel de emerxencia.

   Xunto, a isto o 061 valorou a importancia da colaboración entre todos os compoñentes do sistema sanitario e, especialmente, cos profesionais de Atención Primaria en canto á presentación de protocolos de atención a feridos.

   Entre outras intervencións, neste congreso participaron tamén a ministra de Interior de Finlandia, Päivi Räsanen; o reitor da Universidade Laurea de Ciencias aplicadas, Jouni Koskinen e diversas autoridades.