Recursos de billetes. Dinero. Euros
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 19 diciembre 2014 15:34

A media de PIB por habitante é de case 20.000 euros, mentres que Muras (Lugo) rexistra a maior, con máis de 103.000 euros por veciño

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Dic. (EUROPA PRESS) -

O 45% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia concéntrase nas sete cidades galegas, con Vigo á cabeza por diante da Coruña --entre ambosrexistran o 24,4% do total do PIB--, segundo recolle o Instituto Galego de Estatística con datos de 2012, difundidos este venres.

Así as cousas, Vigo é o municipio con maior PIB, 7.058 millóns de euros; seguido da Coruña, con 6.184 millóns de euros. Nestes dous municipios xérase unha cuarta parte do valor engadido de Galicia. Con todo, en ambos municipios, con respecto ao 2010, se rexistran caídas do PIB, se ben son máis intensas en Vigo (-5,7%) que en A Coruña (-2,5%).

Segundo informa o IGE, as sete grandes cidades achegan o 45% do PIB de Galicia e ocupan sete dos oito primeiros lugares. Só Arteixo, cun PIB de 2.044 millóns de euros aparece por diante de Pontevedra e de Ferrol.

Pola súa banda, nas sete grandes cidades a variación do PIB con respecto a 2010 foi negativa. En concreto, a caída é do 9,5% en Ferrol; seguida de Santiago (-7,1%); Vigo (-5,7%); Ourense (-3,6%); Lugo (-3,3%); Pontevedra (-2,8%); e A Coruña (-2,5%). Entre outros municipios, existe un descenso acusado no Porriño (-8,5%).

ENERXÍA E ÁS PONTES

Un dos factores que apunta o IGE é que no ano 2012 aparece entre os principais municipios de Galicia en termos de actividade xerada o municipio das Pontes de García Rodríguez, cun PIB que ascende a 933 millóns de euros, e un incremento respecto a 2010 do 69,5%. Este aumento está estreitamente relacionado coa actividade de xeración de enerxía eléctrica, xa que a central térmica situada neste municipio duplicou a súa produción con respecto ao 2010.

A evolución da xeración de enerxía eléctrica está entre as principais causas das variacións relativas máis relevantes no período 2010-2012. Hai que ter en conta que a produción de enerxía eléctrica en Galicia rexistrou un lixeiro ascenso dende 2010, pero as orixes desta enerxía cambiaron de forma relevante: a hidroeléctrica pasou de representar o 35% da produción neta de enerxía en 2010 a un 15% en 2012.

Esta perda de peso absorbeuna a xeración de enerxía de orixe térmica. O cambio na estrutura da produción de enerxía ten o seu reflexo na actividade económica dos municipios nos que se sitúan as centrais térmicas e hidroeléctricas.

PIB POR HABITANTE

No tocante ao PIB por habitante, nos primeiros postos aparecen municipios de poboación reducida, xa que de entre os dez municipios con maior PIB por persoa só tres deles superan os 10.000 habitantes(Arteixo, Ás Pontes e O Porriño).

Así, o maior PIB por habitante rexístrase en Muras (Lugo), con 103.890 euros por cada unha das 790 persoas que ten como poboación. A clasificación prosegue con Carballeda de Valdeorras (100.717 euros por habitante); Ás Pontes de García Rodríguez (85.804 euros); San Cibrao das Viñas (78.376); Ás Somozas (67.683); Arteixo (65.574); Cerceda (64.988); Cervo (63.505); Rábade (48.275); e O Porriño (41.858).

Todos eles presentan características comúns. Son municipios que teñen un tecido industrial moi consolidado, están próximos a grandes núcleos e teñen acceso a vías de comunicación de alta capacidade: San Cibrao das Viñas, Rábade ou O Porriño, estarían neste grupo.

Estes son municipios nos que se situou un grupo empresarial: é o caso de Arteixo, Ás Pontes de García Rodríguez, Cerceda, Cervo ou Ás Somozas. Mentres que son concellos nos que se xera un valor engadido moi elevado pola explotación dun recurso natural --a enerxía hidráulica ou eólica fundamentalmente-- como acontece nos casos de Carballeda de Valdeorras ou Muras.

A media de PIB por habitante sitúase en Galicia en 19.599 euros. En total hai 41 municipios que superan esta cifra: 14 son da provincia da Coruña, 13 de Lugo, sete de Ourense e sete de Pontevedra.

DATOS POR BISBARRA

En canto ás bisbarras, o PIB da Coruña foi de 10.276 millóns de euros en 2012, isto significa que nesta bisbarra se xerou o 18,9% da actividade produtiva de Galicia. Na de Vigo, o PIB ascendeua 9.444 millóns de euros, o que representa o 17,4% do total.

As seguintes, en orde de magnitude, son as de Santiago, Ourense, Ferrol, Lugo e Pontevedra. Estas sete bisbarras achegan o 64,2% do PIB total de Galicia.

Non obstante, ao igual que pasaba no caso dos municipios, se se fala de PIB por habitante a situación das bisbarras é diferente. A bisbarra do Eume presenta un PIB por habitante de 4.215 euros, é dicir, un 126% superior á media de Galicia. A Mariña Occidental rexistra a segunda cifra de PIB por habitante superando os 30.000 euros por habitante. As bisbarras da Coruña e Santiago superan os 25.000 euros.

Respecto ás bisbarras con menor actividade por habitante destacan tres situadas no Sur de Galicia: Baixa Limia, A Paradanta e Terra de Celanova. Ningunha delas chega aos 10.000 euros por habitante. A de menor PIB por habitante é Baixa Limia (8.640 euros).

Por outra banda, oito das bisbarras galegas rexistran crecemento en termos nominais no período 2010-2012. Na bisbarra do Eume e de Ordes, que presentan a mellor evolución, o sector enerxético é a clave do comportamento positivo do PIB.

Outras bisbarras que rexistran crecemento positivo son: A Barcala, A Barbanza (en que destaca a evolución da industria agroalimentaria), O Sar (cun comportamento da industria moi positivo), A Mariña Occidental (con crecementos relevantes en industria e enerxía), A Ulloa e Viana.

No extremo oposto hai tres bisbarras que rexistraron un crecemento inferior á media galega neste período (-4,1%). A evolución, especialmente negativa, das bisbarras de Chantada, Terra de Trives e A Baixa Limia teñen a súa explicación no descenso da produción eléctrica de orixe hidráulica. Cabe resaltar que ningunha bisbarra da provincia de Pontevedra tivo taxas de crecemento positivas no período.