A administración número 2 de Carballo (A Coruña) vendeu en portelo 10 décimos do 'Gordo'

Gordo de la Lotería en Carballo
EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 22 diciembre 2014 14:28

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Dic. (EUROPA PRESS) -

A administración de Lotaría número 2 de Carballo (A Coruña), situada na rúa Desiderio Varela, vendeu no portelo a particulares un total de 10 décimos do número 13.437, gañador do 'Gordo' no Sorteo Extraordinario de Nadal deste luns.

Así o asegurou, en declaracións a Europa Press, María Eirís, filla da titular da administración, que asegurou sentirse "moi emocionada" e "feliz" de repartir catro millóns de euros nesta localidade coruñesa.

María Eirís confirmou que os 10 décimos foron vendidos no portelo a clientes particulares, polo que o diñeiro estará "moi repartido".

Moitos veciños foron os que se achegaron ata esta administración, situada nas proximidades do Concello de Carballo, para celebrar que o 'Gordo' caera na localidade e felicitar á lotera.

A filla da propietaria confirmou que é a segunda vez que esta administración reparte o 'Gordo' de nadal, dado que hai dous anos vendeu un décimo do número gañador.

OUTROS PREMIOS

Esta non foi a única vez que a sorte tocou este luns á localidade de Carballo, onde tamén se venderon décimos do segundo premio e dun dos cuartos.

Segundo explicou a Europa Press Elvira Corredoira, propietaria da administración número 3 desta localidade, vendeu un décimo do 92.845, segundo premio, co que repartiu 125.000 euros.

Así mesmo, esta administración tamén dispoñía para a súa venda a través de portelo de 300 décimos do 67.009, cuarto premio, o que supón un montante de 600.000 euros.

Elvira Corredoira mostrouse "moi satisfeita" por repartir sorte e recordou que en 2007 esta mesma administración repartiu 45 millóns de euros do 'Gordo' naquel ano, o 6.381.