AGE advirte de que o "brutal" peche de camas do Sergas en verán "provocará novos colapsos"

Eva Solla
EUROPA PRESS
Actualizado: domingo, 11 mayo 2014 13:24

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 May. (EUROPA PRESS) -

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) advertiu de que o "brutal" peche de 1.095 camas o próximo verán, que supón "unha marca histórica", terá "terribles consecuencias" e "provocará novos colapsos".

Deste modo, a deputada de AGE Eva Solla critica que esta política "responde ao plan de desmantelamento da sanidade pública" e denuncia un "aumento progresivo" de camas pechadas dende a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta.

Así, AGE fai un repaso polos peches que van dende 588 camas no verán de 2010, pasando polas 787 de 2012 e ata chegar ás 1.095 deste 2014. Unha situación que "favorecerá os colapsos que xa aconteceron o pasado ano".

"Esta decisión obriga ademais o persoal fixo a cubrir as vacacións dos compañeiros sendo trasladados de unidade ou servizo malia ter unha praza fixa determinada, o que supón unha vulneración dos seus dereitos laborais e afecta de modo significativo á calidade asistencial", censura a formación.

Ademais, Alternativa sinala que estes peches supoñen "favorecer o paro", xa que non se contrata novo persoal para cubrir vacacións, o que dificultará "aínda máis" a situación dos sanitarios que padece "unha elevadísima precariedade e aos que cada vez llela dan menos posibilidades de traballar".

Por este motivo, AGE presentará unha serie de iniciativas no Parlamento galego contra esta decisión, ao tempo que se unirá ás mobilizacións convocadas polos sindicatos os días 14, 21 e 28 de maio.