O alcalde de Ourense leva ao fiscal toda a documentación sobre beirarrúas e farois na súa rúa e precedentes "idénticos"

Agustín Fernández
ROSA VEIGA
Actualizado: jueves, 27 marzo 2014 18:31

O PP insiste en que debe 28.000 euros ao Concello polas obras de urbanización da rúa en 2009, realizadas con fondos do plan E

OURENSE, 27 Mar. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, levou á Fiscalía toda a documentación sobre a instalación de beirarrúas e farois na rúa na que vive, ademais de datos sobre precedentes "idénticos" na cidade, "e todo o necesario para que se investigue", pois di sentirse obxecto "dunha auténtica conspiración" e "campaña de exterminio" dun alcalde e dun Goberno municipal.

O rexedor compareceu, en rolda de prensa, tras unha convocatoria de urxencia hora e media antes, para detallar a súa actuación ante a Fiscalía e para anunciar que "executará cantas accións legais estime oportunas" ante feitos como o de que "se dean a coñecer publicamente expedientes dun veciño máis". "Como era eu naquel ano, antes de que teña coñecemento directo do tema", engadiu.

O PP presentou hai unha semana unha denuncia xudicial contra o alcalde por participar na Xunta de Goberno de 2009 que acordou urbanizar a rúa na que vive e Agustín Fernández detallou este xoves que el tiña depositado un aval dende 20 anos antes, para garantir que correría cos gastos de beirarrúas, farois e asfalto correspondentes cando lle permitiron urbanizar o seu ámbito, aínda que nunca se puido por impedimentos relacionados con cambios de aliñación e modificacións do PGOM de 2003.

O rexedor insistiu en que a súa participación na Xunta de Goberno que aprobou as obras de urbanización "foi legal", e que actuou coa mesma legalidade noutra Xunta de Goberno posterior, na que se ausentou porque se estudaba a devolución do aval que reclamou, cando as obras xa se fixeran cos fondos públicos.

INFORMES TÉCNICOS

"Se agora o interventor considera, tal como salgue publicado, que teño que pagar, fareino, pero se antes me devolveron foi porque había informes técnicos que o avalaron", engadiu.

Ademais, agregou que se houbo "un erro administrativo, haberá que arranxalo e xa está", pero non recibiu ningunha notificación desa posible débeda que agora detecta o interventor e se hai que pagar "se pagará", concluíu.

"Hai precedentes pola contra, idénticos, así que me pregunto por que se fai isto agora co alcalde de Ourense e non antes con outras persoas, e creo que xa todos sabemos por que", formulou e cualificou de "conspiración" a situación desencadeada en torno á súa vivenda dende hai uns días, tras a denuncia do PP.

"Neste tema ¿hai algo máis que pedir a devolución ao Concello dese diñeiro que antes se me devolveu a min? Se eu soubese a respuesta.....todo andarase", rematou.

"VAGAS EXPLICACIÓNS"

Pola súa banda, o PP enviou un comunicado sobre o tema e explicou que xa pediu o informe de Intervención Municipal no que se reclama ao alcalde o pagamento de 28.000 euros correspondentes ás obras de urbanización da súa casa.

"Ademais ese informe considera ilegal que o goberno local endosase esas obras con cargo ao plan E, así que as vagas explicacións do alcalde e os seus ataques absurdos aos grupos políticos, principalmente ao PP, non son máis que escusas de mal pagador", sinalou.

Nese sentido, o PP reclama ao alcalde "que pague o que debe, como fan todos os cidadáns" e cualificou de "inconcibible" que nin o PSOE provincial nin o galego se pronunciaran a este respecto.

Unha vez máis como xa fixo en varias ocasións dende novembro de 2013 polo menos o voceiro do PP Rosendo Fernández pide no seu comunicado a dimisión do alcalde "e que pida perdón aos cidadáns".