O alcalde de Pedrafita encabeza a lista de delegados do PSOE de Lugo, integrada por partidarios de Pedro Sánchez

Publicado: domingo, 28 mayo 2017 15:24

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 May. (EUROPA PRESS) -

   O alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena, lidera a lista de 11 delegados que representarán aos socialistas lucenses no Congreso Federal do PSOE que terá lugar o próximo mes de xuño.

   A lista, conformada por afíns ao recentemente vencedor das primarias do PSOE, Pedro Sánchez; foi referendada polo 73 por cento dos 123 delegados comarcais presentes este domingo no 'congresillo' do PSOE da provincia de Lugo.

   Así, acompañan a Raposo Magdalena a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín --Terra Chá--; o portavoz do PSOE no Corgo, Javier Cerqueiro --Lugo--; María Carmen Veiga --A Mariña--; o deputado José Antonio Quiroga --Lemos--; Isabel Salazar --Lugo--; José Luís Díaz --Lugo--; Raquel López Rodríguez --Chantada--; o alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela --Quiroga--; Marina Ramudo Graña --Pol-- e Hugo Ucha --Lugo--.

   Deste xeito, a lista queda configurada por 6 homes e 5 mulleres en modo 'cremallera' e conta con representación de todas as agrupacións comarcais dos socialistas lugueses. A pesar de que inicialmente existía a intención de elaborar unha lista de consenso que reflectise o resultado das primarias do pasado día 21 na provincia, finalmente, non se chegou a un acordo e foi presentada unha única candidatura.

   Así mesmo, o 'congresillo' deste domingo tamén serviu para debater emendas ao Relatorio Marco do 39º Congreso Federal do PSOE, que se celebarará os días 16, 17 e 18 de xuño.