O alcalde de Ponte Caldelas confía en que se investigue a morte en Brasil dun fillo de emigrantes

Actualizado: viernes, 21 septiembre 2018 17:14

   O alcalde de Ponte Caldelas (Pontevedra), Andrés Díaz Sobral, considera necesario que se aclaren as circunstancias nas que faleceu en Brasil un fillo de emigrantes da localidade, debido aos disparos da Policía Militar, ante as "informacións contraditorias" que están a recibir os familiares.

   Ademais, a nai e o irmán do falecido, resaltou en declaracións a Europa Press, xa se desprazaron á cidade de Salvador de Baía na que faleceu Marcio Pérez, de 41 anos, pero de momento descoñécese se os restos mortais serán repatriados. O home, que tiña a súa residencia en Brasil, tiña dous fillos.

Andrés Díaz Sobral denunciou que "o que chegan son informacións contraditorias", polo que sostén que será preciso que se realice "unha investigación aclaratoria", para clarificar as circuntancias nas que a Policía Militar da cidade brasileira disparou o mércores ao coche no que viaxaba o falecido, ao confundilo cun vehículo que cometera un roubo.

Marcial Pérez Santana atopábase nese momento preto da súa residencia. Fillo de emigrantes en Brasil, xa retornados a Ponte Caldelas, rexentaba unha consultora xunto con outro socio en Salvador de Baía.

"O que a Policía Militar dixo na súa declaración é que o confundiron cun ladrón e que crían que o vehículo cometera algún roubo, pero non nos parece lóxico que fixesen seis disparos", explicou.

Segundo as primeiras informacións das que dispuña, de momento pendentes de confirmación, o falecido non pararía nun control policial, que non estaba correctamente sinalizado, ante a sospeita de que podería tratarse dun intento de atraco.

O alcalde de Ponte Caldelas mantivo durante a mañá unha conversación telefónica coa subdelegación do Goberno en Pontevedra, que se ofreceu a colaboración do organismo á familia para a realización de xestións ou trámites administrativos.

DOUS DÍAS DE LOITO OFICIAL

O Concello declarou oficialmente dous días de loito en sinal de respecto pola morte de Marcio Pérez, natural da parroquia de Anceu. O decreto foi asinado polo alcalde, Andrés Díaz, e ratificado pola Xunta de Goberno local.

A administración municipal informou nun comunicado que suspende así os actos programados para este venres e o sábado. Ademais, as bandeiras do Concello ondean a media hasta desde a mañá. Ao acto asistiron os concelleiros do catro grupos da corporación, PSdeG-PSOE, AVP, BNG e PP.

O decreto da Alcaldía expresa a "consternación existente no municipio tras a morte, en estrañas circunstancias, nun control policial salpicado de presuntas irregularidades e mal sinalizado". Esta circunstancia, subliña o texto, "agrava a dor de toda a veciñanza".

O Concello solidarízase así coa familia e os amigos da vítima e anuncia que celebrará un minuto de silencio na liña de saída da BTTroita, que se celebra o vindeiro domingo, en sinal de duelo.