O alcalde de Pontevedra acusa de "atentado contra a democracia" a modificación da lei electoral que propón o PP

Actualizado: jueves, 21 agosto 2014 18:35

"O BNG combaterá a iniciativa do PP nas institucións e socialmente", advirte a responsable de Política Municipal

PONTEVEDRA/SANTIAGO, 21 Ago. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, cualificou de "atentado contra a democracia" o proxecto de modificación da lei electoral "tal e como a formulan" no Partido Popular. O rexedor nacionalista explicou que, de prosperar esta medida, "significa que non todos os votos van ser iguais", polo que "sería antidemocrático e inxusto que salga adiante", engadiu.

Fernández Lores advertiu de que a "maioría minoritaria" tería unha representación "desorbitada e antidemocrática con respecto a outras opcións políticas" que, segundo o alcalde de Pontevedra, "non van ter a posibilidade de influír na gobernabilidade" dos municipios.

Por parte do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores anunciou que estudarán a "letra pequena" do proxecto se finalmente o PP decidise impulsalo en solitario, algo que o alcalde de Pontevedra cuestionou, ao considerar que "vai dar moitas voltas".

Miguel Anxo Fernández Lores destacou que "só o PP ten interese" na aprobación deste cambio lexislativo e explicou que a posición contraria do BNG a este respecto é "coherente", en consonancia coa "resposta contundente" da formación nacionalista "ante as decisións das forzas políticas clásicas que representan ao sistema".

COMPARACIÓNS

Así, o alcalde de Pontevedra comparou este proxecto de reforma da lei electoral con outras decisións que, segundo Fernández Lores, conforman unha "armazón" e tómanse "contra os intereses das maiorías sociais", entre as que citou como exemplo a modificación da lei do aborto, da planta xudicial, ou da Constitución "para beneficiar aos bancos e ao grande capital financeiro", remarcou.

"Non é a primeira vez que cambia de opinión, deixa morrer temas ou varía os seus posicionamentos iniciais", sinalou o rexedor pontevedrés sobre a evolución dos populares na formulación das súas propias iniciativas; unha circunstancia que Miguel Anxo Fernández Lores vinculou coa "resposta social que perciba socialmente" o PP. No caso da reforma xudicial, Lores afirmou que "o están a repensar porque hai unha resposta contundente, tamén de todas as forzas políticas".

Para Miguel Anxo Fernández Lores, a reforma electoral iría "na liña contraria do que quere a sociedade" que, segundo o rexedor nacionalista, demanda "máis frescura, máis representación directa e que o voto do cidadán sexa representativo". Pola contra, de aprobarse o cambio que defende o PP, "vaise a unha representación maioritaria e antidemocrática", concluíu.

"ANTIDEMOCRÁTICA"

Tamén a responsable de Política Municipal do BNG, Goretti Sanmartín, cualificou de "antidemocrática" a decisión de Mariano Rajoy e censurou que os populares "non entendan de diálogo nin consenso". "O PP sabe que non conta co apoio electoral necesario para gobernar e utiliza a artimaña da reforma de elección dos alcaldes para perpetuarse nas institucións", considerou.

Para os nacionalistas, a proposta do PP é "inaceptable" e resulta "un golpe definitivo" a unha democracia "xa moi danada polas políticas" dos gobernos central e autonómico.

"O BNG combaterá a iniciativa do PP nas institucións e socialmente, porque, de levarse a cabo a reforma proposta por Rajoy, sería a primeira vez na democracia que se reforma a lei electoral sen contar co consenso do resto de forzas políticas", advertiu.