O alcalde de Pontevedra retirará "inmediatamente" o título de 'persoa non grata' a Rajoy se frea a prórroga de Ence

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
EUROPRA PRESS
Actualizado: sábado, 17 junio 2017 13:53

Censura que persoas que deixaron o BNG, como Vence, "sigan opinando eternamente" e ve á formación "na liña correcta" con Pontón

Reivindica que a cidade estaba "deprimida" ata que el chegou en 1999 e repudia as propostas "inviables" da Marea

PONTEVEDRA, 17 Jun. (EUROPA PRESS) -

A piques de cumprir 18 anos á fronte da Alcaldía de Pontevedra e en pleno ecuador do actual mandato, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) asegura que proporá ao pleno municipal retirar "inmediatamente" o título de 'persoa non grata' ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, se frea a prórroga aprobada polo Executivo estatal que permite a Ence permanecer outros 60 anos na ría de Pontevedra.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, Sanxenxo, 1954) considera que a renovación da concesión á celulosa é "unha espada de Damocles" que pende sobre a cidade e que, "para máis inri", foi colocada aí por un presidente do Goberno que "viviu" na cidade e que "sabe o que significa para Pontevedra soportar esa porcallada".

"Estou seguro de que, se somos capaces de facer marchar a Ence de aí, Pontevedra estoura e sería o paraíso, porque temos todo para que o sexa", subliña o alcalde, quen deixa claro que o seu goberno "loitará por todas as vías posibles" para que a fábrica de Ence-Elnosa "non se consolide na ría". "É unha das aberracións máis grandes que podemos ter aí en pleno século XXI", critica.

Fernández Lores recoñece que esta prórroga autorizada polo Executivo de Rajoy cando estaba en funcións dificulta a saída de Ence. Con todo, móstrase máis optimista pola marcha de Elnosa, tendo en conta que unha normativa europea impídelle seguir producindo cloro con mercurio, como realiza actualmente, a partir de finais deste ano.

"O da clorera non ten arranxo, incúmprense absolutamente todos os acordos, todos os prazos... Estes non se queren marchar, queren vivir da sopaboba", censurou Fernández Lores, quen insiste en que "Elnosa non pode estar a producir nin na ría, nin coa tecnoloxía que ten". Ao fío diso, rexeita o argumento de que coa desaparición destas fábricas vaian eliminarse empregos. "Iso non é que xere postos de traballo, que pode xerar algúns, senón que está a impedir o crecemento normal da cidade e da comarca", argumenta.

"CIDADE ORGULLOSA"

Tras cinco lexislaturas á fronte do Consistorio e coa intención de volver concorrer ás urnas xunto ao seu equipo, ao que lle atribúe o bo funcionamento do Consistorio pontevedrés, a Miguel Anxo Fernández Lores non lle preocupa alcanzar ou non a maioría absoluta nas municipais de 2019. "Nós nunca tivemos maioría e fomos dando conta do recado", destaca.

O rexedor da cidade do Lérez, ademais, non quere falar da súa retirada da Alcaldía. "Voume a presentar e ata aí chego", manifesta, para sinalar que ten a "mesma idade que Rajoy" e que "ninguén se está plantexando se Mariano se presenta outra vez ou se deixa de presentar". Con todo, concede que "tampouco se trata de morrer ao pé do canón".

E é que, para Lores, Pontevedra vive, nestes momentos, un "momento doce" no que está "a recoller" os froitos do traballo realizado nestes 18 anos. "Este é un goberno serio, saneado, que está a ser recoñecido a nivel internacional", recalcou en referencia a galardóns como o Premio Internacional de Dubai, que recoñece as mellores prácticas para enriquecer as condicións de vida dos seus habitantes.

Neste punto, lembra que, "hai 20 anos, Pontevedra era unha cidade pesimista e deprimida" pola "falta de orgullo". Fronte a iso, celebra ser capaz, xunto ao seu equipo, de "cambiar esta situación". "Neste momento, unha gran maioría de pontevedreses se sinte orgulloso da súa cidade e do seu Concello", sostén.

"Agora", despois desenvolver "un modelo urbano de alta calidade", para Lores é o momento de "situar" a Pontevedra como "cidade atractiva desde o punto de vista turístico, de servizos, de negocios...". Ademais, márcase como "próximo reto" cambiar o "modelo de residuos sólidos" e apostar por "a compostaxe".

CRÍTICAS Á OPOSICIÓN

Na entrevista concedida a Europa Press, o primeiro edil da cidade do Lérez tamén repasou a política municipal. Así, tras criticar que os grupos da oposición --PP, PSOE, Marea de Pontevedra e Cidadáns-- "estivesen a porse de acordo de forma incrible para tentar impedir" a acción do seu goberno, considerou que "non hai ningún tipo de alternativa viable nin visible" ao Bloque na súa urbe.

Neste punto, cuestionou a viabilidade dalgunhas das propostas que a Marea realiza na cidade. A modo de exemplo, citou a proposta dunha renda básica social. "Tal e como está a lexislación, é incompatible coa Risga", afeoulle, para asegurar que "unha cousa é predicar e outra dar trigo".

Fernández Lores tamén aproveitou para destacar que o BNG xa era "un referente" en moitas cuestións das que hoxe fai bandeira o partido instrumental, como a remunicipalización de servizos. "Cando nós chegamos cobrábase por aparcar nas rúas e eliminámolo", lembrou para incidir en que a súa función como alcalde é "buscar a máxima rendibilidade do diñeiro público" e "ter á cidade cos mellores servizos posibles".

SITUACIÓN DO BNG

Preguntado polos motivos polos que nunca deu o salto á política autonómica a pesar de ser un dos militantes máis destacados do Bloque, aos seus 63 anos, Miguel Anxo Fernández Lores definiuse como "uno máis dos 2.700.000 galegos" que viven en Galicia. "Eu poño o meu gran de area ata onde podo achegar, e estou satisfeito co que estou a facer en Pontevedra", subliña.

Tras iso, tamén se referiu ás declaracións efectuadas esta semana polo exportavoz nacional do BNG, Xavier Vence, nas que asegurou que o "corpiño" da UPG "fai difícil" que o Bloque sexa "atractivo". "Paréceme inverosímil. Eu se teño algo que achegar, achégoo, e se non teño nada que achegar, non o achego", manifestou para criticar que "alguén que non quere achegar siga opinando eternamente" sobre a situación orgánica da formación.

O rexedor pontevedrés cre que "houbo momentos nos que o BNG se equivocou" e "perdeu capacidade de referencia" pero opina que agora retomou "a liña correcta". Por iso, ás persoas que, como Vence, "non queren participar", pídelles "que deixen traballar".

Precisamente, á fronte desta "liña correcta" na que ve á formación nacionalista sitúa á actual portavoz nacional, Ana Pontón. "Está moi consolidada e creo que vai ir aínda a máis e a mellor", destacou Lores, quen considera que "a xente necesita referentes coherentes, que traballen en equipo, que respondan a unha ideoloxía determinada e que teñan unha formulación seria".

Por último, preguntado sobre se ve posible a reunificación do nacionalismo galego, cargou contra En Marea mostrar as súas "moitas dúbidas" de que "alguén que pacte cunha forza política estatal sexa nacionalista".

"Eu non dou pedigrí de nada pero crer que as solucións van vir de fóra... iso a min non me mola en absoluto. Outra cousa é chegar a acordos puntuais", sinalou Lores, para quen o segredo do seu éxito en Pontevedra radica en "a base da ideoloxía do nacionalismo, que é ter confianza no propio país e na súa xente".