O alcalde de Santiago móstrase "satisfeito" pola execución da sentenza do hotel Quinta da Auga

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, en rolda de prensa
EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 28 abril 2017 20:12

O xuíz referendou a estratexia do concello ao validar a permuta dos terreos, polo que non será derrubada parte do edificio

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Abr. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, mostrou a súa satisfacción ante a execución da sentenza pola que se resolve o problema cos terreos onde que ocupa o hotel Quinta da Auga, situado na zona de Vidán, que finalmente non terá que ver derrubada parte do seu complexo.

O pasado xoves, o Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago declarou finiquitado o problema iniciado cando unha sentenza declarou nula a permuta de terreos entre a construtora do complexo e o concello ao considerar que a compensación económica non estaba o suficientemente xustificada.

Este venres en comparecencia de prensa, o rexedor compostelán valorou como "unha noticia positiva" a resolución xudicial sobre unha cuestión que supuña un "problema" para o goberno municipal, aínda que se mostrou cauto xa que "cabe recurso" contra a decisión. "Non é unha vitoria definitiva", apostilou.

Por tanto, a parte do complexo hoteleiro que se asenta nos terreos afectados non terá que ser derrubada, posibilidade que xeraba preocupación no concello xa que, en caso de producirse, tería que indemnizar á empresa construtora por "responsabilidade patrimonial".

Así as cousas, segundo apuntou Noriega, queda agora por definir a cantidade que deberá abonar a construtora ao consistorio compostelán en compensación polo terreo, que segundo o alcalde pode roldar os 100.000 euros.

ANTECEDENTES

En decembro do 2016, unha sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago impuxo unha multa cohercitiva de 1.000 euros ao rexedor santiagués por non cumprir unha sentenza que declaraba "nula" a permuta de terreos entre o concello --gobernado por aquel entón polo socialista Xosé Sánchez Bugallo-- e a construtora, acordada en 2010 para permitir a ampliación do hotel.

O pasado mes de marzo, o goberno local compostelán recuperou a titularidade da parcela afectada, movemento que foi definido polo alcalde como parte da "estratexia" para facer cumprir a sentenza e, deste xeito, evitar a derriba do complexo hoteleiro situado na parroquia de Brandía.

Así, o goberno local acordou "facer unha nova valoración" da permuta dos terreos, cuxa "conclusión" foi que a promotora do hotel --Lorygar S.L.-- "debería haber pago máis" por ese intercambio na titularidade dos terreos para a construción dun spa.

Con todo, o xuíz indicou que "antes" de realizar unha nova compensación económica, o Concello debía "devolver as leiras ás titulares primigenios", polo que promotora e consistorio recuperaron en marzo as súas leiras orixinais.

"Á vista do actuado, examínase a documentación achegada polo Concello, constátase, e non se desvirtúa eficazmente, que as parcelas que había que devolver ao ser anulado o convenio, foron finalmente devoltas, cumprimentándose o ámbito anulatorio do convenio. Por conseguinte procede ter e declarar executada a sentenza", fallou o xulgado, segundo recolle este venres o diario 'La Voz de Galicia'.