Familiares comparecerán no caso dos 'miguelianos'

Vigo Afectados Miguelianos
EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: miércoles, 17 diciembre 2014 19:48

Cren que as adeptas que abandonaron a casa de El Escorial non se apartaron do grupo

MOAÑA, 17 Dic. (EUROPA PRESS) -

Familiares de adeptos da Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo (que actualmente opera en Madrid baixo a denominación de 'A Voz de Serviam') confirmaron este mércores que comparecerán como acusación particular na causa que instrúe un xulgado de Tui sobre a comisión dos supostos delitos de asociación ilícita e abusos sexuais.

Segundo explicou un dos voceiros destas familias, Joaquín García, nunha rolda de prensa celebrada en Moaña (Pontevedra), xa iniciaron contactos con avogados para comparecer. Do mesmo modo, esperan iniciar en próximos días tratamento psicolóxico e terapia con especialistas que os asesoren no difícil transo no que se atopan.

A pasada semana produciuse a detención do fundador da orde, Feliciano Miguel Rosendo da Silva, e dunha das súas colaboradoras, Marta Paz; o xulgado decretou o ingreso en prisión do primeiro (polos supostos delitos de abusos sexuais e asociación ilícita) e a liberdade con cargos para a segunda e para outros dous imputados, por asociación ilícita. "Os acontecementos déronnos a razón, a pesar dos que nos tachaban de alarmistas", apuntou Joaquín García a este respecto.

Malia eses movementos, e a que varias 'miguelianas' abandonaron nas últimas horas o chalé de El Escorial no que residían dende que foron expulsadas de Oia polo bispado de Tui-Vigo, os familiares das adeptas non dan por finalizada a súa loita. A ese respecto, mostráronse convencidos de que as relixiosas que saíron de El Escorial e manifestaron publicamente o seu apoio a Miguel Rosendo "non se apartaron" dese grupo, e estarán dispostas a volver reunirse "con só unha chamada de teléfono".

Nese sentido, lamentaron que o grupo ten "suficientes contactos" e respaldo económico como para que as mozas poidan instalarse noutras vivendas.

BISPADO E SANTA SÉ

Joaquín García avanzou que manterán, este xoves ou en poucos días, unha reunión co bispo da diocese de Tui-Vigo, Luis Quintero Fiúza, ao que pedirán que favoreza a mediación para lograr un achegamento cos seus familiares que seguen atrapados na orde, "agora que Miguel está no cárcere".

Este voceiro confirmou que as familias recibiron unha carta do Nuncio Apostólico en España (o máximo representante da Santa Sé no país) na que lles presta o seu apoio e se pon á súa disposición. Ademais, asegurou que teñen constancia de que "o Papa xa sabe" o que pasou, e esperan noticias pronto, tanto da Diocese coma da Nunciatura.

OUTROS AFECTADOS

Segundo sinalaron na rolda de prensa, dende que se desencadearon as detencións e imputacións, varias persoas contactaron con eles, tamén familiares de adeptos ou exadeptos. Así, subliñaron o caso dunha moza de Madrid, cuxa irmá contactou con este grupo de afectados para relatarlles que a rapaza, despois de dous anos apartada da orde migueliana "só pensa no demo, e ve o pecado por todas partes".

Este grupo de familias puxo en marcha un blog, afectadosomsma.blogspot.es, e unha dirección de correo electrónico, afectadosomsma@yahoo.es, para que outras vítimas contacten con eles.

RESPOSTA ÁS ADEPTAS

Estas familias quixeron responder ás relixiosas que saíron de El Escorial defendendo a Miguel Rosendo, dicindo que as acusacións eran froito dunha "montaxe do Opus" contra el, que todo era "falso" ou que pretendían apartalas da súa vocación relixiosa.

Con respecto a esas manifestacións, os pais das mozas que seguen na orde reiteraron que estarán "orgullosísimos" de que as súas fillas opten pola vida relixiosa, pero sempre "dentro da lei e do amparo da Igrexa". Así mesmo, negaron que haxa unha montaxe porque "cando a Garda Civil detén e un xuíz imputa e manda a alguén a prisión é porque ve algo".

"Hai familias que están encantadísimas con que as rapazas vivan así, non imos contra elas, só actuamos polo ben das nosas fillas", indicou Joaquín García, quen insistiu en que a xerarquía da Igrexa xa actuou contra os tres sacerdotes que avalan ao grupo fundado por Miguel Rosendo.

Por outras parte, os pais manifestaron a súa "preocupación" por algunhas das palabras que pronunciaron as 'miguelianas', como o caso de Ivanna Lima, que chegou a proclamar, aseguraron, que "se isto é o final do camiño" irán "todas xuntas". "Iso encolleunos o corazón", sinalou García, en alusión á posibilidade de que as mozas poidan poñer en risco as súas vidas.