Mos rexeita a saída do cárcere do suposto asasino dunha das súas veciñas

Concentración en Mos por saída do cárcere do presunto asasino dunha veciña
AYUNTAMIENTO DE MOS
Actualizado: jueves, 23 febrero 2017 18:03

O Concello estuda a fórmula xurídica para personarse na causa polo asasinato de Mariña

MOS (PONTEVEDRA), 23 Feb. (EUROPA PRESS) -

Varias decenas de persoas, entre eles veciños e membros da Corporación Municipal de Mos (Pontevedra), encabezados pola alcaldesa, Nidia Arévalo, concentráronse este xoves ás portas do Consistorio para expresar o seu rexeitamento pola saída de prisión de Florencio A.C., que foi detido en decembro de 2015 como presunto autor da morte a golpes da súa muller, Mariña R.B., de 69 anos de idade, neste municipio.

Tras coñecer que se decretou a liberdade (con medidas cautelares) do home, que permanecía en prisión provisional desde finais de 2015, o goberno municipal convocou a concentración deste xoves, para "que se saiba que Mos non está de acordo con isto".

Así o explicou, en declaracións aos medios, Nidia Arévalo, quen trasladou a súa "sorpresa, desgusto e consternación, que é a de todo o pobo", pola excarceración do suposto asasino dunha das súas conveciñas. "Queremos que siga no cárcere, é onde ten que estar ata que haxa un xuízo e unha sentenza", proclamou, á vez que asegurou que a saída "á rúa" de Florencio causou "alarma" e "desgusto" entre os veciños de Mos.

Por outra banda, lamentou que esta excarceración se base, segundo dixo, na "falta de probas contundentes". "Cando se produciu o asasinato había indicios clarísimos (da autoría do home) e tamén antecedentes", rememorou.

PERSONACIÓN

A alcaldesa, tras insistir no seu "máximo respecto" ao traballo da Xustiza, reclamou "axilidade" na tramitación deste procedemento para que se celebre o xuízo "canto antes", e pediu "respecto ao pobo de Mos e á memoria de Mariña".

Ademais, segundo anunciou Arévalo, os técnicos municipais están a buscar fórmulas xurídicas para que o Concello de Mos poida personarse no procedemento xudicial contra Florencio A.C. polo suposto asasinato de Mariña R.B..

CONCENTRACIÓN

Na concentración celebrada este xoves, a rexedora mosense leu un manifesto, antes de que se gardase un minuto de silencio, no que lembrou a Mariña R.B., para a que pediu "unha xustiza áxil", á vez que insistiu en que "o principal sospeitoso do seu asasinato, o seu marido, regrese ao cárcere canto antes e permaneza encarcerado ata que se celebre o xuízo".

Así mesmo, tivo palabras de recordo para outras vítimas de violencia machista, como a veciña de Chapela María José M.G., que morreu o pasado luns nunha explosión e posterior incendio na súa casa, provocados pola súa expareja (que tamén faleceu).

Nidia Arévalo expresou o compromiso da Corporación Municipal coas vítimas de violencia de xénero, unha "terrible secuela social" que "non cesa", e reclamou "que a Xustiza castigue con dureza estes crimes". "Queremos manifestar a nosa intolerancia e repulsa total á violencia machista", aseverou, e chamou a "seguir traballando" na prevención e á atención ás mulleres.