Feijóo aspira a que as exportacións supoñan o 40% do PIB en 2020

SANTIAGO 10,30 h.-     O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado d
Foto: XUNTA/Photographer: xoán crespo
Actualizado: martes, 22 julio 2014 20:48
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

Alvariño reivindica a importancia das "reformas" para superar as dificultades económicas e carga contra os "falsos localismos"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, marcouse o reto de que as exportacións na comunidade aumenten dende o 33 por cento ata supoñer o 40 por cento do PIB autonómico en 2020, convencido de que se se dá este logro significará que a economía galega é "moi sólida, forte" e que está "a proba" de "problemas de consumo interno" e de futuras crises nacionais e mesmo da Unión Europea (UE).

   Manifestouno no encontro das oficinas da rede de plataformas galegas no exterior (Pexga) que estarán situadas en Miami, Bogotá, México D.F., Sao Paulo, Londres, Moscú, Tánger e Shanghai, tras saudar os seus directores acompañado do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño, e do conselleiro de Economía, Francisco Conde.

   Na súa intervención, Feijóo destacou a importancia da internacionalización para o impulso da economía e para superar unha dura crise que aínda continúa. Non obstante, tanto o presidente como Alvariño, quen constatou a necesidade de "reformas" para garantir o futuro e cargou contra os "falsos localismos", incidiron en que a economía está "na senda da recuperación".

   No devandito camiño, o presidente destacou o protagonismo das plataformas e da internacionalización. Así, esgrimiu que en Galicia se superaron os obxectivos previstos e destacou o logro de "cifras marca" en exportacións, toda vez que "duplicou a meta" inicial de 700 novas empresas exportadoras e chegou ás 1.521.

   Os datos que manexa a Xunta constatan tamén que se superou en máis de 1.000 millóns de euros o incremento do volume das exportacións previsto, cun aumento de 4.462 millóns. Dende 2009, as vendas de produtos e servizos galegos no exterior creceron un 32 por cento, cun incremento rexistrado do 11,7 por cento só en 2013 e pasando dun peso no PIB do 27 por cento ata o 33 por cento actual.

   Ademais, o 70 por cento das novas empresas exportadoras tiveron como destino un país no que opera unha plataforma 'Pexga'. Con estes datos, Feijóo resaltou que a internacionalización "non é algo illado" en Galicia, senón que un repaso a estes anos de crise evidencia que se trata dun feito "consolidado".

   Non en van, resaltou que Galicia chega a esta altura de 2014 cun ritmo de incremento nas vendas exteriores que "case triplica o da media de España", cun 2,2 por cento de incremento fronte ao 0,8 por cento da media nacional.

PROXECTOS EN PERÚ E DUBAI

   Neste contexto, destacou que Xunta e Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) volven depositar na rede Pexga a misión de impulsar "con forza" a internacionalización da economía porque esta se demostrou como "unha ferramenta útil para prestar apoio integral aos empresarios na súa saída ao exterior".

   En concreto, dende a posta en marcha en 2011 das oficinas da rede Pexga, estas prestaron servizo a 715 empresas galegas, 414 delas só no ano pasado e, en total, atenderon 1.800 solicitudes de asistencia.

   Agora, á marxe das oito oficinas activadas mediante o convenio coa CEG, Feijóo ratificou que se planea abrir "a partir do verán" unha nova oficina en Perú e tamén se analiza a posibilidade de activar outra en Dubai. "A ver se antes de finalizar o ano", apostilou, en relación a esta última.

   Por outra banda, como xa avanzara, ratificou que a Consellería de Economía prepara o Plan de Exportacións de Galicia 2015-2016 que prevé debater nun foro coas empresas con maior porcentaxe nas exportacións galegas, así como coas cámaras de comercio e posteriormente poñelo en marcha.

"LOBBYS EMPRESARIAIS"

   Ademais de agradecer o traballo dos directores das plataformas, como desafío de futuro para a rede, referiuse á necesidade de construír auténticos 'lobbys' empresariais e institucionais que contribúan ao "éxito" da internacionalización, tendo "moi en conta" o papel "decisivo" que poden desempeñar as grandes empresas que xa se fixeron un oco nos mercados internacionais.

   Feijóo citou os exemplos de Inditex e PSA Peugeot Citroën, ao tempo que garantiu que a Xunta seguirá traballando nas súas viaxes para acompañar o esforzo das plataformas Pexga, con diplomacia económica para contribuír a abrirlle portas aos produtos galegos e para "consolidar o camiño de volta" que está atrae a Galicia investimentos estranxeiros, así como apoiando financeiramente a saída ao exterior das empresas galegas.

CRISE "ADORMECIDA"

   Pola súa banda, o presidente da CEG, José Manuel Fernández Alvariño, destacou a importancia da internacionalización e a "responsabilidade compartida" entre administración e empresarios que supón articular as oficinas que integran a rede Pexga.

   Fernández Alvariño defendeu que "a mellor política social" é a de "crear empresas e postos de traballo", ao tempo que subliñou que Galicia, ao igual que España, camiña "por sendeiros de recuperación". Dito isto, advertiu que "o futuro e presente" da economía galega e dos empresarios está "onde haxa demanda".

   Por iso, reivindicou a importancia da "internacionalización" como instrumento para facer fronte a unha crise "adormecida", que aínda "non está morta", para o combate do cal destacou a importancia das "reformas". "Sen reformas non hai futuro", constatou o presidente da CIG, moi crítico cos "falsos localismos".

   Por último, comprometeu ante Feijóo "lealdade e eficiencia", ademais de "apoio sen fisuras" ás políticas de internacionalización e innovación do Goberno galego, os valores políticos de "austeridade, rigor e eficiencia" do cal recoñeceu.