AMP.- O TSXG denega a solicitude de suspensión do catálogo de medicamentos da Federación de Farmacias de Galicia

pastillas, fármacos, píldoras
BASTET78/WIKIMEDIA COMMONS
Actualizado: jueves, 3 marzo 2011 15:32

Argumenta que non pode adoptarse "sobre simples alegacións e conxecturas sen avais documentais, periciais ou indicios obxectivos de solidez"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Mar. (EUROPA PRESS) -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou a suspensión da execución do acordo do Consello da Xunta polo que se aproba o catálogo priorizado de medicamentos galego demandada por ao Federación de Farmacias de Galicia, xa que considera que non pode adoptarse tal medida "sobre simples alegacións e conxecturas sen avais documentais, periciais ou indicios obxectivos de solidez".

No auto do TSXG, recollido por Europa Press, o Alto Tribunal galego argumenta que o escrito que promove a medida preventiva "se limita a insistir en cuestións xurídicas", pero, engade, "cando verque argumentacións sobre a falta de igualdade na eficacia terapéutica dos medicamentos xenéricos cos que non o son, non van acompañadas de proba documental ou informe ningún".

Así, o TSXG sinala que "se trata de afirmacións vehementes pero sen soporte probatorio". "De maneira que ao non achegar indicios obxectivos que lle presten consistencia e non solicitar nin sequera a práctica de proba ningunha ao efecto, nos atopamos cunha ponte tendida no baleiro e como tal, en aberto contraste fronte á argumentación da Xunta --acompañada de informe técnico e outro económico--", expón nos argumentos xurídicos.

A Federación de Farmacias de Galicia interpuxo un recurso contencioso-administrativo fronte ao acordo do Consello da Xunta polo que se aproba o catálogo priorizado e solicitou a medida preventiva de suspensión da resolución impugnada. Na petición introduciuse, recorda do TSXG, unha "exposición de alegacións xurídicas" referidas "á "posible inconstitucionalidade e ilegalidade do acordo impugnado".

Ao respecto, a Federación de Farmacias de Galicia alegaba a invasión da competencia exclusiva estatal sobre lexislación de produtos farmacéuticos; a infracción do principio de igualdade no exercicio do dereito á protección da saúde e apuntaba o "interese puramente económico" da Administración autora da resolución, ao tempo que puntualizaba que "o catálogo nacional xa fixa os medicamentos necesarios" segundo criterios obxectivos e verificables".

PROBAR OS DANOS

O TSXG incide, ademais, en que as medidas preventivas "teñen como finalidade que non resulten irreparables as consecuencias derivadas da duración do proceso". "De modo que a adopción de tales medidas non pode confundirse cun axuizamento sobre o fondo do proceso", matiza.

O Tribunal expón no auto que o catálogo de medicamentos "non reviste natureza de regulamento autonómico, senón dun regulamento que desenvolve un mandato legal". "Responde o mandato imperativo da lei, xa que se responsabiliza directamente no seu artigo 1", precisa.

"É suma, queda pechado o paso a que so pretexto dunha medida preventiva se proceda á suspensión do regulamento que comportaría de facto a suspensión das previsións da lei matriz", indica e engade que sería "un efecto reflexo incompatible coa división de poderes e os límites do control xurisdicional contencioso-administrativo que se detén en atallar os excesos das normas emanadas do Executivo".

INTERESE XERAL

"Non pode adoptarse a suspensión dunha norma regulamentaria sobre simples alegacións e conxecturas sen avais documentais, periciais ou indicios obxectivos de solidez", insiste o TSXG, que alude á "pauta marcada" polo auto da Sala 3ª do Tribunal Supremo do 22 de febreiro de 2007 no que indica que "a suspensión da execución dunha disposición de carácter xeral xa supón un grave prexuízo do interese público. E só en caso de grave dano individual cabe os seus suspensión".

"A natureza regulamentaria do catálogo autonómico impugnado comporta a presenza tácita dun interese xeral cualificado que para ser desvirtuado require unha contraproba sólida de intereses prevalentes", manifesta o auto.

En relación ao "eventual dano que puidese derivar do atraso da resolución definitiva do presente litixio", o TSXG sostén que "a vixencia e aplicación do catálogo nin na peor das hipóteses manexadas polo recorrente provocaría un prexuízo xeral aos pacientes", especialmente "nada se acreditou sobre a realidade de tal prexuízo".

"Nada impediría que unha eventual sentenza estimatoria comportase a obriga de restablecer a oferta nos termos previstos polo decreto estatal sen as modulacións autonómicas analizadas. En cambio o 'periculum in amora' da posposición da vixencia do catálogo resultaría alarmante para a Administración, xa que comportaría a privación do aforro para as arcas públicas e, por ende, a ausencia do seu reinvestimento ou reutilización no ámbito da saúde", aclara.

Por todo o exposto, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia conclúe que "procede desestimar a medida preventiva solicitada da suspensión da disposición xeral analizada".

"Insistimos en que cousa diferente sería que o recurso de inconstitucionalidade invocado e anunciado pola parte recorrente, as vicisitudes da cal son unha incógnita ao tempo de ditarse o presente auto, vaia acompañado da suspensión automática do catálogo impugnado, o que sería consecuencia lóxica do réxime de axuizamento constitucional e prevalece loxicamente sobre o criterio desta sala, ao partir aquel de premisas xuridicamente diferentes", sentenza.