Ana Pontón na asemblea nacional do BNG
BNG
Actualizado: domingo, 26 marzo 2017 20:39

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Mar. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afianzou o seu liderado na XVI Asemblea Nacional que a formación nacionalista celebrou este fin de semana na Coruña e na que a súa candidatura foi referendada polo 98,2% dos votos da militancia -1.112 votos de 1.132--.

   Tras ser elixida de novo pola militancia, a líder do Bloque lanzou unha mensaxe a aqueles que "desde fóra e desde dentro" daban por "morto e enterrado ao BNG". "En pé, forte e unido, loitando por Galicia, actuando na sociedade, con iniciativa política. Aquí está o BNG", deixou claro durante o seu discurso de clausura.

   Así, Pontón dirixirá a formación frontista cunha executiva que integrarán un total de 19 persoas e na que figuran nomes como o da portavoz nacionalista en Bruxelas, Ana Miranda; ou os parlamentarios autonómicos Xosé Luís Rivas 'Mini', Noa Presas, Olaia Rodil ou Luís Bará.

    Deste xeito, tras someterse á consideración da militancia, a candidatura que capitaneou Pontón, integrada por 50 persoas, comporá a metade do novo Consello Nacional do Bloque --máximo órgano de decisión entre asembleas--, a falta de que o outro medio centenar sexa aprobado posteriormente nas distintas asembleas comarcais. As persoas que figuran nos 19 primeiros postos da lista son, á súa vez, as que integrarán a nova executiva.

   No plenario que o BNG celebrou este fin de semana na Coruña tamén foron aprobados os documentos coas teses políticas, co 96,8% dos sufraxios emitidos; así como os estatutos ou principios organizativos, que tiveron un apoio do 97,34% da militancia. Estes textos incorporaron máis de 150 das 296 emendas presentadas.

DELEGACIÓNS CONVIDADAS

   Á asemblea acudiron membros de diversos colectivos e unha vintena de representantes de partidos doutros ámbitos do Estado como o PNV ou ERC, así como de diferentes lugares de Europa como as forzas da esquerda lusas Bloco de Esquerda e PCP ou o Die Linke alemán. Nela, á que tamén asistiu o alcalde de Lalín, Rafa Cuíña; o Bloque emitiu un vídeo no que fixeron repaso do período transcorrido desde a XV Asemblea Nacional na que emprendeu a súa refundación.

    "Foi un ano duro do que hoxe saímos un pouco máis fortes e, sobre todo, máis unidos", sinalou o vídeo que lembrou que o BNG realizou "máis de 100 asembleas" no marco do seu 'Proceso Adiante', emprendido para encarar a refundación que culmina con esta XVI Asemblea Nacional.

    Este vídeo, co que o Bloque tamén puxo en valor o traballo da militancia, coincidiu co recoñecemento ás bases realizado por Ana Pontón no seu discurso, no que citou a Berthold Brecht para lembrar que "os imprescindibles" son aqueles que "loitan toda a vida", dúas semanas despois de que se coñecese que o anterior portavoz nacional da formación, Xavier Vence, pedía a baixa por diferenzas coa organización.

    Os máis de mil militantes presentes clausuraron a XVI Asemblea do BNG cantando o himno galego, canto que deu paso a unha foto de grupo na que os 50 novos membros da dirección compartiron escenario coas persoas que estiveron presentes na asemblea de fundación do BNG celebrada tamén na Coruña no ano 1982.