Anova insiste na configuración dunha fronte ampla para as municipais sen "tutela" nin "impostar" mareas

Martiño Noriega
EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 27 noviembre 2014 15:50

A organización aproveitará a conferencia para avanzar no posicionamento sobre ocupar as deputacións

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Nov. (EUROPA PRESS) -

Anova-Irmandade Nacionalista celebrará este domingo unha conferencia política municipal aberta á cidadanía coa que arranca o proceso local e na que pretende incorporar ao debate as propostas que alí se fagan. Neste sentido, a formación que colideran Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega insiste na configuración dunha fronte ampla para as eleccións do próximo ano "sen tutela" nin "impostar dinámicas", como mareas cidadás.

En rolda de prensa para presentar a conferencia política, que volverá repetirse en xaneiro coas propostas xa concretadas sobre o posicionamento de Anova para as municipais, Martiño Noriega incidiu na necesidade de observar "con outros lentes" a realidade actual e, neste contexto, abundou na necesidade de unir forzas.

O tamén alcalde de Teo propuxo mirar ás matemáticas para asegurar que "o 30 por cento" da cidadanía se situaría no "espazo de ruptura", é dicir, en situación de romper o bipartidismo nas eleccións, polo que "vai ser unha porcentaxe que vai condicionar" o futuro nesta "oportunidade histórica" que se abre, ao seu xuízo, para reconstituír o sistema.

"Nós queremos facelo sen tutelas, achegando, e sendo capaces a renunciar á cuestión de parte polo éxito de todos", explicou. Isto é, Anova non buscará unha "cota" de poder nas mareas cidadás para situar os candidatos.

Non obstante, o covoceiro nacional de Anova indicou que tampouco se poden "impostar dinámicas", é dicir, que non en todas as localidades galegas existen mareas ou plataformas cidadá como si acontece nas principais urbes galegas. En todo caso, insiste en que en todas as localidades é preciso camiñar á "fronte ampla", á unión das forzas.

DEPUTACIÓNS

Este escenario obriga a adoptar un posicionamento sobre como concorrer ás eleccións municipais en relación ás deputacións provinciais, xa que esta institución se nutre de escanos en función da representatividade de cada organización política nos municipios.

Así, para ter presenza, todas as mareas deberían concorrer baixo un mesmo paraugas electoral co fin de obter deputado provincial.

A cuestión aínda non está resolta no seo de Anova que, precisamente e segundo explicou Martiño Noriega, se abordará na conferencia política deste domingo, que terá lugar na Casa Común de de Rarís, no Concello de Teo, a partir das 10,00 horas.

Para Noriega, as próximas eleccións municipais poden ser a ocasión de "dalo unha patada no cu aos poderes fácticos e aos seus representantes políticos", entre os que situou o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e o xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo.

Pola súa parte, a secretaria de Organización, Esther Duro, explicou que a conferencia contará con tres bloques, por un lado a razón da participación cidadá. Ademais, complétase cos procesos alternativos que se están a dar para configuración da fronte ampla e un terceiro sobre os eixes programáticos.

Cristina Amor, responsable da área institucional, remarcou a relevancia deste evento para "definir o papel de Anova nas alianzas", así como no ámbito programático, e puxo o exemplo da asemblea Compostela Aberta, na que participa esta organización, así como Esquerda Unida e membros de Podemos para a constitución dunha alternativa.