As cancelacións de Ryanair afectarán ata o 28 de outubro a 22 avións Santiago-Madrid e dous Vigo-Barcelona

Publicado: martes, 19 septiembre 2017 18:16

   VIGO, 19 Sep. (EUROPA PRESS) -

   As cancelacións de voos programadas por Ryanair ata o próximo 28 de outubro afectarán tamén as rutas que a aerolínea opera en aeroportos de Galicia; en concreto, foron cancelados dous avións entre Vigo e Barcelona-O Prat e máis dunha vintena entre Santiago de Compostela e Madrid.

   Ryanair concretou que en total fará 1.966 cancelacións desde este martes ata finais de outubro no marco do reaxuste para facer fronte a problemas de organización internos pola distribución de vacacións dos seus pilotos nos meses de setembro e outubro e folgas en terminais europeas. Do total, 478 voos corresponden a operacións en terminais españolas.

   En Galicia, serán dous as rutas afectadas, concretamente a que conecta Santiago de Compostela con Madrid --cun total de 22 avións afectados-- e a de Vigo con Barcelona --con dous avións en total--, sendo a da capital galega a que acumula o maior número de voos cancelados na comunidade, de acordo coa previsión actual.

   Así, no relativo ao aeroporto vigués de Peinador canceláronse os voos con número FR 245 e FR 246 deste mércores, día 20, que inicialmente ían conectar Barcelona-O Prat con Vigo, en ambas as direccións.

   Ademais, este martes, día 19, canceláronse os voos FR 5317 e o FR 5318 que estaba previsto que unisen Madrid e Santiago nos dous sentidos. A eles súmanse as cancelacións dos avións co mesmo número de voo que ían operar todos os martes e xoves desde o 26 de setembro ata o 26 de outubro.

CONSUMIDORES DE GALICIA

   A Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal), que considerou que a "escusa esgrimida por Ryanair é de mal pagador", apuntou nun comunicado que esta "manobra inesperada pode chegar a afectar a máis de 4.000 persoas" en Galicia, ás que se suman os galegos que voan desde o aeroporto Sá Carneiro, no Porto.

   Neste marco, animou aos usuarios con voos cancelados a presentar reclamación e, "chegado o caso, acudir a instancias xudiciais para reclamar danos e prexuízos". De feito, este organismo remarcou que xa traballa en accións xudiciais colectivas e, ante o previsible aumento de consultas e reclamacións, destacou que está a reforzar os seus servizos e equipo humano.